Noticias de Cooperación Gallega
27/05/2011
Xeral

Jesús Gamallo participa na reunión do xurado do Premio de Acción Social Axuda 10 convocado pola Fundación A Rosaleda e Novacaixagalicia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea Jesus Gamallo participou onte, en representación do presidente da Xunta de Galicia, na reunión do xurado da cuarta edición do Premio de Acción Social Axuda que convocan anualmente a Fundación A Rosaleda e Novacaixagalicia.

O Premio de Acción Social Axuda ten como obxectivo recoñecer o labor realizado tanto por persoas como por institucións que axudan a colectivos ou grupos de poboación desfavorecidos ou en situacións manifestas de precariedade. Na realización destas tarefas debe primar sempre unha compoñente altruísta e solidaria, podendo propor candidatos tanto persoas como institucións do ámbito internacional ben por iniciativa propia ou por invitación expresa dos convocantes.

Este ano o premio, que consiste nun diploma e obsequio acreditativos, así como unha dotación en metálico de 6.000 euros, foi para Cáritas Diocesana de Santiago pola “constante labor social de axuda aos más desfavorecidos que a dita asociación leva anos realizando en Compostela e que na actual crise económica se ten multiplicado”.

Nas anteriores tres edicións do premio resultaron gañadores a ONG Sorrisos de Bombai, que utilizou a dotación económica para desenvolver un proxecto de atención e seguimento a pacientes con lepra de varias zonas rurais ao norte de Bombai, a irmá María Luisa Verdú, pertencente ás Filhas dá Caridade de San Vicente de Paulo polo seu traballo no hospital O Carmelo de Chokwé (Mozambique), onde se atende a enfermos de sida e tuberculose, e o pai Anxo Olarán (Hernani 1938), un misioneiro dos Pais Brancos que leva a cabo un inxente labor en favor das xentes de Wukro, unha cidade situada ao norte de Etiopía onde desenvolve diversas actividades asistenciais, educativas e sanitarias.