Noticias de Cooperación Gallega
14/06/2011
Xeral

Resolución da convocatoria publica de subvencións para a execución de proxectos de cooperación no exterior, para proxectos de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de ONGD e da convocatoria de Microproxectos.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, así como de actividades de educación para o desenvolvemento e de proxectos para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e a resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

En total, o centro directivo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concedeu subvencións por importe de máis de tres millóns de euros a un total de 35 proxectos, que se executarán ao longo dos anos 2011 e 2012.

Polo que respecta a convocatoria de microproxectos, resólvese denegando a subvención aos 21 proxectos presentados, por non reunir estes os requisitos establecidos na orde da convocatoria.

As ordes de convocatoria destas subvencións, Orde de 21 de decembro de 2010, modificada pola Orde de 23 de maio de 2011, e Orde de 23 de febreiro de 2011 foron publicadas no DOG dos días 30 de decembro e 1 de marzo de 2011, respectivamente.