Noticias de Cooperación Gallega
15/06/2011
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reúnese coa nova Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesús Gamallo recibiu hoxe na sede da Dirección Xeral en Santiago á nova Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD, recentemente renovada na Asemblea Xeral da entidade celebrada o pasado 9 de abril, tras a expiración do mandato da anterior dirección.

A esta xuntanza, a segunda nunha semana que o director xeral mantén cos representantes das ONGD, asistiron por parte da Coordinadora Galega de ONGD a presidenta, Gema Filgueira, a vicepresidenta, María Paz, a tesoureira, Laura do Río e o vogal José Manuel Pérez .

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, tras felicitar á nova xunta directiva da Coordinadora polo seu nomeamento, apostou por seguir mantendo, como ata agora, relacións fluídas, baseadas no principio de transparencia que sempre presidiu as relacións entre a Coordinadora e a súa Dirección Xeral.

Así mesmo, Jesús Gamallo deixou claro o compromiso da Xunta cunha política de cooperación ao desenvolvemento adaptada ao contexto económico actual, sinalando que os axustes producidos nestes días non afectan só á política de cooperación ao desenvolvemento, senón tamén a outras partidas de gasto da Xunta de Galicia. Sinalou que este axuste se fixo co obxectivo de non desmantelar o Plan anual da cooperación galega 2011, e por tanto, seguir cumprindo coas actuacións previstas no II Plan director 2010-2013 aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia.

O director xeral indicou que, a pesar do axuste orzamentario, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE acaba de facer pública a resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, así como de actividades de educación para o desenvolvemento e de proxectos para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento por un importe de máis de 3 millóns de euros dos que se beneficiarán 35 proxectos. Con esta resolución a dotación orzamentaria destinada a convocatorias públicas de axudas con cargo ao orzamento de 2011 é superior a 4 millóns de euros, o que representa un 68.4 % dos capítulos operacionais de gasto do programa de cooperación exterior, xa que se asegura o cumprimento de todos os compromisos procedentes de convocatorias públicas resoltas en anos anteriores.

Cabe destacar que neste ano se asinou un convenio coa Coordinadora Galega de ONGD, por importe de 90.000€ (igual cantidade que a destinada no ano 2010), para a o financiamento do Plan Estratéxico 2011 da citada entidade.

Os representantes da Coordinadora presentaron ao director xeral as liñas de actuación da nova xunta directiva, que lembraron está formada por representantes de organizacións con forte presenza en Galicia. O programa de traballo se baseará na activación do sistema interno da coordinadora, cunha maior participación das 48 ONGD que forman parte da mesma, nun maior traballo dirixido á cidadanía co fin de aumentar a base social das entidades e acadar unha maior visibilización, en tratar de ser interlocutores cos distintos grupos políticos e en fomentar a profesionalización do sector cara a acadar unha maior eficacia na xestión das organizacións.

Doutra banda, na xuntanza acordouse convocar unha reunión extraordinaria do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, co fin de informar a todos os axentes do montante e criterios do axuste levados a cabo pola Xunta de Galicia nos fondos de cooperación, unha vez a Asemblea da Coordinadora comunique os seus novos representantes neste órgano de coordinación da cooperación galega, e a creación dun grupo de traballo para analizar conxuntamente posibles axustes nas prioridades do Plan director 2010-2013 para a súa plasmación no Plan Anual 2012.