A Xunta traballa nunha futura norma que axilizará a tramitación e xestión das axudas de cooperación exterior
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá unhas xornadas sobre a normativa das axudas de cooperación internacional en Galicia, na que explicou que desde a Xunta estase traballando para elaborar unha norma que permita unha maior axilidade na súa tramitación e xestión e, polo tanto, unha mellora da eficacia das axudas.
Nas xornadas, celebradas na Escola Galega de Administración Pública (Egap), distintos relatores do eido da cooperación ao desenvolvemento e da Asociación de Letrados da Xunta farán un estudo da experiencia estatal e doutras normativas autonómicas na materia. Este traballo previo servirá de base para a elaboración dunha futura norma galega relativa ás subvencións de cooperación exterior, tendo en conta a singularidade dos fondos públicos destinados a este tipo de actuacións.
Esta nova normativa tratará de superar moitas das dificultades que atopa o xestor das axudas e subvencións de cooperación internacional ao aplicar as normas xerais reguladoras das achegas de fondos públicos. Así, preténdese acadar unha normativa que estableza regas especiais para a xestión, xustificación, control e reintegro deste tipo de axudas, sempre dentro dos principios inspiradores da Lei de Subvencións.
Por outra banda, Gamallo explicou que a pesar dos recortes que afectaron recentemente aos fondos destinados á cooperación para o desenvolvemento, a Xunta dará o maior cumprimento posible ás actuacións recollidas no Plan 2011 da Cooperación galega; ao tempo que manterá o seu compromiso cunha política de cooperación adaptada ao contexto económico actual.
Neste sentido, destacou varias actuacións que, como as xornadas celebradas entre hoxe e mañá na Egap, redundan nunha mellora da calidade da axuda que recolle o Plan 2011 posto que, a pesares do seu carácter inmaterial, incidirán de xeito favorable no desenvolvemento das accións de cooperación, mellorando a súa eficacia e eficiencia.
Este é o caso da modificación do decreto polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, publicada hai unhas semanas no DOG. Esta modificación, segundo explicou o director xeral, non só responde a unha demanda constante do sector da cooperación para o desenvolvemento, senón que tamén permitirá actualizar o Rexistro e, consecuentemente, mellorar a súa operatividade.