Noticias de Cooperación Gallega
15/07/2011
Xeral

O Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea preside a xuntanza extraordinaria do Consello Galego de Cooperación.

O Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe en Santiago a xuntanza extraordinaria do Consello Galego de Cooperación (Congacode), convocada a petición das ONGD, para informar aos membros do Consello do estado da execución do Plan anual 2011 da Cooperación Galega tras os axustes orzamentarios producidos no mes de xuño nas partidas de cooperación para desenvolvemento.
Esta xuntanza do Congacode, máximo órgano asesor da cooperación galega no que están presentes todos os axentes de cooperación, prodúcese tras as xuntanzas mantidas no mes de xuño polo director xeral e polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con representantes da nova Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD, e a da Comisión Permanente do Congacode, celebrada o pasado 28 de xuño, na que se acordou convocar ao pleno do Consello.
Así mesmo, en cumprimento co estabelecido no novo regulamento do Consello, o pleno nomeo como terceiro experto independente do Congacode, por proposta das ONGD, a Emilio Martinez, quen durante varios anos fora presidente da Coordinadora Galega de ONGD.
Así mesmo, presentouse aos membros do Consello os resultados do estudo sobre o “Coñecemento e Actitudes dos Galegos sobre a Política de Cooperación e axuda para o Desenvolvemento”, que será publicado proximamente na paxina web da cooperación galega.
Á xuntanza asistiu como invitada a nova presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Gema Filgueira.