A Xunta de Galicia activa unha resposta de emerxencia ante a crise humanitaria desatada no “Corno de África”.
Segundo un comunicado de Nacións Unidas do pasado 28 de xuño, más de dez millóns de persoas no Corno de África- Etiopía, Djibuti, Kenya e Somalia- están a padecer a peor seca rexistrada nos últimos sesenta anos.
A xa vulnerable situación na que viven estes países vese agravada pola falta de chuvia e unha consecuente crise alimentaria que ten agudizado de xeito alarmante as taxas de desnutrición infantil e o desprazamento de poboación, principalmente Somalí, cara aos campos de refuxiados/as instalados nos países veciños, afectados tamén pola falta de alimentos.
A situación crítica na zona foi posta de manifesto onte por Nacións Unidas declarando oficialmente a situación de hambruna en dúas rexións do Sur de Somalia onde 6 de cada dez mil nenos/as morren ao día. Os niveis máis agudos de desnutrición preséntanos nenos/as somalís e a poboación refuxiada en Kenya e Etiopía.
A Xunta de Galicia, grazas a un convenio de actuación ante emerxencias que ten asinado coa ONGD Farmacéuticos Mundi, participa na intervención de emerxencia para atender á poboación somalí refuxiada nun campo de refuxiados/as de recente establecemento, coordinado por ACNUR e UNICEF, na localidade de Dabaad, no Distrito de Garissa en Kenya.
A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR estima que arredor de 660.000 somalís buscan refuxio fora do país, fundamentalmente en Kenya, onde o fluxo mensual de recepción de refuxiados foi de 15.000 persoas ao mes de decembro de 2010 a xuño de 2011 e ten pasado a ser nestes momentos de 1.500 persoas ao día, que necesitan cubrir as súas necesidades vitais de comida, auga, abrigo e saúde.
A axuda prestada pola Xunta a través de Farmacéuticos Mundi servirá para dar cobertura ás necesidades mais urxentes de 4.000 persoas do campo de refuxiados/as.
A colaboración entre Farmacéuticos Mundi e a Xunta de Galicia na resposta ante emerxencias ven sendo unha constante dende o ano 2008 o que permitiu á Xunta actuar ante situacións de crise humanitaria como a desatada tralo terremoto de Haití. No que vai de ano, e grazas á colaboración establecida coa dita ONGD, a Xunta participou nunha intervención sanitaria de emerxencia en 20 comunidades Pigmeas desprazadas, nas dúas provincias máis afectadas tralo agravamento do longo e pouco mediático conflito na República Democrática do Congo, as de Nord Kivu e Orientale.
O importe destinado a ambas actuacións elévase a 15.000 euros.