A Comisión Europea financiará un proxecto da Xunta de Galicia de Cooperación ao desenvolvemento para axudar a Mozambique en materia de augas.
A Xunta vén de recibir a confirmación oficial do financiamento dun proxecto galego de cooperación a través do Fondo Europeo para o Desenvolvemento (FED). Así fíxollo saber esta mañá a xefa de unidade na Dirección Xeral de Cooperación ao Desenvolvemento da Comisión Europea, Françoise Moreau, ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, co que mantivo unha xuntanza en Bruxelas.
Dentro do FED a partida que financiará este proxecto con 393.980 euros é a encargada do desenvolvemento de capacidades no sector da auga e do saneamento en países de África, Caribe, Pacífico (ACP). As actuacións levadas a cabo neste ámbito realízanse baixo a modalidade de traballos en asociación ou asociacións entre entidades responsables da xestión dos recursos hídricos do Norte e do Sur para a transferencia de coñecementos.
Como parte deste proxecto que terá lugar entre 2011 e 2014, Augas de Galicia. como entidade do Norte, será líder da asociación e transferirá coñecementos ao seu homólogo mozambiqueño na Rexión Norte do país. O papel da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten sido o de impulsor da iniciativa e ten previsto actuar tamén coma cofinanciador. Ademais, tamén intervirán, como socios de apoio, a Universidade de A Coruña (a través do Grupo de Enxeñería do Auga e do Medio Ambiente-GEAMA-), a Universidade Politécnica de Cataluña (a través do GRECDH: Grup de Recerca en Cooperació i Desenvolupament Humà) e a consultora ambiental Amphos 21.
O director xeral ao agradecer á Comisión Europea o financiamento deste proxecto subliñou que unha das previsións do seu ditame sobre o futuro da cooperación ao desenvolvemento en Europa “estase facendo realidade, posto que con este proxecto paraugas para o abastecemento de auga en Mozambique estase logrando a complementariedade nas fontes de financiamento dispoñibles e a posta en valor das capacidades técnicas a través do organismo Augas de Galicia”.
Futuro da cooperación ao desenvolvemento da UE
Por outra banda, e en relación co ditame elaborado no seo do Comité das Rexións europeo por Jesús Gamallo sobre o futuro da política de cooperación ao desenvolvemento da UE, no curso deste encontro a Comisión Europea puxo de manifesto a importancia que outorga ao rol das entidades locais e rexionais comunitarias no eido da cooperación, xa que aportan como valor engadido os seus coñecementos e experiencias sectoriais. Neste senso, o director xeral incidiu en que “Galicia pode cumprir un papel importante achegando o seu saber en actuacións de cooperación ao desenvolvemento, coma no caso do proxecto aprobado pola Comisión Europea en Mozambique e no doutras intervencións executadas en diversos países en apoio ao sector da pesca artesanal”.
En relación con este ditame, o 19 de outubro a Comisión Europea aprobará a súa Comunicación sobre as liñas da cooperación ao desenvolvemento en Europa. A Comisión asegura que gran parte do contido do ditame de Galicia, aprobado en xuño, vai ser tido en conta ao tempo que invitou ao director xeral a participar na reunión de presentación oficial da Comunicación.
En concreto, os puntos esenciais do ditame da Xunta, aprobados por unanimidade polo Comité das Rexións, aos que a Comisión Europea dará máis importancia céntranse, en primeiro lugar, na busca de complementariedade entre as administracións públicas para alcanzar os Obxectivos do Milenio. Así mesmo, a Comisión tamén destacará a necesidade de lograr un maior impacto e eficacia da axuda nos países beneficiarios, e a búsqueda de novas fontes de financiamento (instando a unha reforma fiscal nos países socios, mellorando a gobernanza e traballando co sector privado, entre outras cuestións).
Na reunión insistiuse tamén na necesidade de avaliar de novo o acordo subscrito entre a Unión Europea e Papúa Nova Guinea no marco da cooperación ao desenvolvemento dese territorio. O texto vixente permite a entrada na UE de produtos transformados –principalmente conservas de atún- procedentes dese Estado cun arancel cero. Segundo se ten denunciado, países como China, Filipinas ou Taiwán utilizan como plataforma Papúa Nova Guinea para introducir sen arancel os seus produtos en Europa, prexudicando así ao sector conserveiro galego.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE aproveitou, pois, este encontro para solicitar que se respecten as regras básicas dos acordos comerciais da Unión no que se refire a non derrogar os requisitos que aluden ás regras de orixe dos produtos dos países socios, a pesar de que isto poida formar parte de pactos de asociación.
Pola súa banda, a Comisión Europea aposta por promover unha avaliación rigorosa do impacto que esta medida excepcional pode ter tanto nos países ACP, e en concreto no caso de Papúa Nova Guinea, coma nos sectores produtivos dos Estados membros, coma no caso de Galicia.