O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE inicia unha visita institucional a Perú.
Os responsables de Cooperación Galega tiveron este luns os primeiros encontros con representantes de institucións públicas e ONGD de Perú, país prioritario para a cooperación galega segundo o establecido no II Plan Director 2010-2013, na primeira xornada dunha visita ao país andino que se estenderá durante toda esta semana.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Alller, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, atópanse realizando unha viaxe institucional na República de Perú co obxectivo de comprobar sobre terreo o impacto real na mellora das condicións de vida da poboación peruana dos proxectos de cooperación que dende o ano 1998 se executan neste país co apoio da Xunta de Galicia. Nestes momentos, Perú é o terceiro país que máis fondos recibe da cooperación galega.
A primeira reunión levouse a cabo na Axencia Peruana de Cooperación Internacional, onde a directora da institución, Paola Bustamante mostrou o seu interese polos resultados dos proxectos de cooperación descentralizada que encabeza o goberno galego e a posibilidade de mantelos no tempo. A directora afirmou que a axuda no ámbito da seguridade alimentaria, en concreto, os proxectos de pesca para os que a Consellería del Mar achega dende hai anos asesoría técnica e a Dirección Xeral apoio financeiro, son de gran relevancia para o país. Ao que Jesús Gamallo engadiu que "Galicia ten un grande interese en manter os proxectos de pesca, non só na fase de mellorar as habilidades dos produtores locais, senón tamén coa comercialización".
A axuda en formación sobre pesca artesanal e acuicultura é a principal achega da cooperación galega, tanto en Perú coma nos países centroamericanos e africanos. Do encontro tamén xurdiu o compromiso por ambas as dúas partes de buscar a partir de agora unha comunicación máis fluída e sistemática para que os proxectos de cooperación descentralizada poidan contribuír o máis posible ao desenvolvemento de Perú.
Os representantes do goberno galego tamén tiveron unha reunión con Patricia Ramos, adxunta da Coordinadora Xeral da Oficina Técnica da Cooperación da AECID, na que compartiron información e impresións sobre os proxectos de cooperación que a cooperación española e a cooperación galega executan neste país.
Pola tarde a delegación galega tivo a oportunidade de visitar os proxectos que a Fundación Balms para a Infancia ten no barrio San Agustino, un dos que presenta maiores taxas de pobreza de Lima. Alí traballa o pai José Ignacio Mantecón, que a través da parroquia La Virgen de Nazaret conseguiu sacar das rúas centos de nenos e nenas que viven en asentamentos humanos con escasos servizos e moitos problemas de inseguridade. Co apoio da Xunta conseguíronse brindar atención integral a 200 nenos e nenas, entre 6 e 12 anos, en risco de exclusión social que necesitaban un espazo e uns coidadores formados para poder pasar as horas nas que non teñen escola, pero nas que os seus pais están a traballar e non poden atendelos.
Durante a visita aos centros socioeducativos Jesús Gamallo mostrou a súa satisfacción polo esforzo que fan día a día, tanto as profesoras coma os propios alumnos, e lles recordou que eles son o futuro de Perú. "Debedes estar moi orgullosos do voso país e contribuír con traballo e esforzo á súa superación", engadiu ante os escolares.
A Fundación Balms e o a parroquia Virxe de Nazaret abriron cinco Casas do Neno no barrio San Agustín nas que se realizan actividades lúdicas, reforzo educativo e formación en valores. Segundo o pai Mantecón, "a educación é a base fundamental do desenvolvemento dun país e os nenos peruanos teñen dereito a unha educación de calidade e a poder gozar do seu tempo de ocio".
Na xornada de hoxe, os representantes do goberno galego, visitarán a Asociación Peruana de Hemofilia, que atende e mellora a calidade de vida de 2.000 enfermos, ademais de loitar porque se mellore a asistencia sanitaria a nivel nacional.
Aínda que o Banco Central prevee un crecemento dun 7% para Perú este ano, as desigualdades sociais no país crecen ao mesmo ritmo que o seu PIB, o que implica que o apoio económico e técnico segue a ser necesario para que a maioría da súa poboación teña acceso a todos os servizos básicos.