O apoio da Xunta permite extender a atención a pacientes de hemofilia por todo Perú.
Durante a segunda xornada de visita institucional a Perú, o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, comprobaron os grandes avances que conseguiu a Asociación Peruana de Hemofilia na atención dos enfermos crónicos, grazas ao tesón dos seus voluntarios e ao apoio económico do goberno galego.
A delegación galega acudiu este martes ao centro que a Asociación Peruana de Hemofilia ten na cidade de Lima onde o seu presidente, Diego Gaviria, e o propio presidente da Asociación Galega de Hemofilia, José Antonio Vázquez, lles explicaron o traballo que se realizou dende o 2008 e as condicións das que parten os beneficiarios do proxecto. A organización estima que existen no país uns 2.000 enfermos, pero neste momento só teñen diagnóstico 931 e a atención hospitalaria alcanza a uns 200. O Goberno galego achegou 43.000 euros nun proxecto que ata agora leva dúas fases para a cooperación neste eido sanitario.
Neste sentido, Gaviria explicou que o apoio de Galicia serviu para poder equipar as sedes da asociación nas distintas zonas do país, o que descentralizou o servizo que se dá ás familias e aos enfermos, que antes tiñan que percorrer en moitos casos máis de mil quilómetros para poder ser atendidos ou diagnosticados. Ademais, elaborouse un censo de enfermos de hemofilia, que ata o momento non existía, e creouse un albergue onde permanecen os familiares dos pacientes que teñen que ser ingresados no único hospital do país que lles brinda atención especializada, o Dos de Maio.
"Ata hai moi pouco nin sequera se sabía que era a hemofilia e os nenos se morrían sen que nin os seus pais nin o propio estado puidese dalos o tratamento necesario para a súa supervivencia", explicou Gaviria. Neste momento é a propia Asociación Peruana, co apoio da súa contraparte galega, a que ofrece o tratamento médico necesario aos 931 pacientes que teñen censados, xa que o propio sistema de saúde peruano non o presupostou ata o momento, aínda que se chegou a negociar unha partida de 7 millóns de novos soles para o próximo ano.
Segundo as estatísticas da propia organización, conseguiuse reducir a mortalidade dun 60 a un 40 por cento na penas tres anos só coa administración da medicación e a formación dos pais e enfermos. Se a medicación non se administra a tempo un neno hemofílico pode falecer só por darse un pequeno golpe mentres xoga ao fútbol.
O obxectivo a longo prazo é que o propio Ministerio de Saúde peruano ofreza este servizo e garanta a saúde dos enfermos hemofilia outorgándolles un tratamento profiláctico dende o seu nacemento (medicación preventiva que fortalece as articulacións), pero de momento só conseguiuse darlles o tratamento de emerxencia, é dicir, o que se administra cando o seu estado de saúde se agrava.
Gamallo mostrouse moi sorprendido polo grande esforzo que fan os voluntarios e traballadores da Asociación. "Despois desta reunión puiden decatarme do importante labor que fai a súa organización e do compromiso que teñen cos pacientes, polo que na medida do que se poida nós quixeramos seguir apoiando proxectos como este, que teñen un impacto fundamental na vida dos seus beneficiarios", expresou o director xeral.
Así mesmo, a delegación conversou cos representantes das catro delegacións que a asociación ten nas provincias de Piura, Chiclayo e Arequipa e que foron equipadas con apoio económico da Xunta, e que fan un esforzo inxente por descentralizar a asistencia os enfermos.
Para finalizar a xornada, os representantes da Xunta tiveron unha reunión con funcionarios da AECID e seguidamente desprazáronse ao departamento de Piura, ao norte do país, para poder proseguir a visita nos proxectos de cooperación que se desenvolven nesta área do Perú.