Noticias de Cooperación Gallega
15/09/2011
Xeral

A Cooperación Galega mellora a capacidade educativa e técnica do campesiñado peruano

Piura, 15 de setembro de 2011.- O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, tiveron este mércores unha intensa xornada de traballo e verificación de proxectos no departamento de Piura, ao norte de Perú.

Esta zona do país é á que máis fondos destinou a cooperación galega durante os últimos anos. A maior parte investíronse en proxectos educativos e de capacitación técnica de poboación campesiña co obxectivo de mellorar as súas capacidades e contribuír ao desenvolvemento agrícola da rexión. Gamallo e Romero puideron comprobar persoalmente na comunidade de Puerta Pulache, no municipio de Las Lomas, como os fondos destinados pola Xunta foron investidos na construción e equipamento dun centro de recursos pedagóxicos onde os profesores forman os nenos e nenas en educación ambiental e agrícola para que poidan contribuír co desenvolvemento da súa comunidade. Tras a súa formación básica, pasan a cursar estudos superiores técnicos no centro de formación que ten a Asociación Chira.

O centro de recursos educativos de Puerta Pulache está dotado de biblioteca, sala de informática e centro de reunións, ademais das aulas de formación ás que acoden 198 alumnos. Alí os mozos peruanos aprenden a optimizar os recursos que posúe a súa terra, a producir cultivos de maior calidade e a comercializar o produto. En Puerta Pulache xurdiu o proxecto piloto da aula de cultivo, o que pouco a pouco foi estendéndose a outras comunidades e contribuíu a que nestes momentos teñan mellor produción de bananeira e cacao para exportar.

Da agricultura de subsistencia á comercialización
Nicolás Ibáñez, de Educación sin Fronteras, afirmou que este tipo de capacitación xa se converteu nun modelo a nivel nacional e o propio Ministerio de Educación peruano mostrou o seu interese en replicalo. Grazas á formación, os campesiños de Piura pasaron dunha agricultura só de subsistencia a soñar con poder acceder eles directamente á cadea de venda. "O cacao que están a producir é de mellor calidade e co apoio axeitado pode chegar a exportarse con éxito", comentou. Parte do diñeiro que se consiga coa exportación será reinvestido no sistema educativo para que os seus fillos poidan ter unha formación cualificada á que eles non tiveron acceso.

Ademais de ver os cultivos, Jesús Gamallo e Pilar Romero tiveron unha reunión cos representantes dos catro distritos que conforman a mancomunidade da subconca do rìo Chipillico, entidade que logrou conformarse grazas ao apoio da Xunta. Todos os delegados dos concellos mostraron a súa satisfacción pola axuda recibida e entregaron presentes de artesanía local a delegación galega, como mostra de agradecemento. A creación da mancomunidade serviu para facer fronte común aos problemas de desenvolvemento que posúen e a poder compartir as experiencias exitosas.

Comprobar en terreo o que se plasma nos papeis
Gamallo destacou na reunión a súa satisfacción polos resultados obtidos e pola gran coordinación que existen entre a propia comunidade, as autoridades locais e as organizacións no responsables do proxecto, Educación sin Fronteras e Asociación Chira. A cooperación galega achegou no 2010 ao proxecto de promoción da educación ambiental comunitaria 175.000 euros e no 2011 outros 170.208 para estender o proxecto a outros dos municipios. Podémoslles asegurar que os galegos e as galegas están moi contentos de que os seus impostos se invertan en proxectos como este, que mellora a calidade de vida da poboación e xera desenvolvemento, engadiu o director xeral.

Pilar Romero tamén mostrou a súa alegría por “poder comprobar sobre o terreo o que se plasma nos papeis dos proxectos. Animámoslles a que sigan esforzándose e apostando pola educación e o desenvolvemento dos seus pobos”, engadiu. Pola súa banda, Beira Martín, responsable de coordinación educativa da Asociación Chira, agradeceu a confianza mostrada polo goberno galego.

Despois de compartir un xantar típico coa comunidade, consistente en carne seca, iuca, plátano frito e arroz, a delegación galega viaxou a Ayabaca, a tres horas de Piura, para poder encontrarse cos representantes de ESCAES Perú e Axuda en Acción, responsables do resto dos proxectos que a Xunta financia nesta rexión.