Noticias de Cooperación Gallega
16/09/2011
Xeral

A Xunta coñece un dos seus proxectos de cooperación máis antigos e estables, o binacional Perú-Ecuador

Perú, 16 de setembro de 2011.- O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, xunto ao resto da delegación, percorreron este mércores a zona máis montañosa da rexión de Piura para comprobar os beneficios que tivo en centos de campesiños o apoio económico do goberno galego e o gran traballo das ONG Escaes-Perú e Axuda en Acción.
A provincia de Ayacaba é unha das máis pobres do país debido á súa distancia da capital, a súa complicada xeografía e a seca, que afecta cada vez máis ao territorio, por iso gran parte dos proxectos apoiados pola cooperación galega estiveron dirixidos ao desenvolvemento de capacidades dos campesiños para que poidan sacarlle un maior partido á súa terra e a dotación de axuda técnica para a recolección de auga para rego e sistemas de aspersión.
Durante o percorrido pola montaña andina Jesús Gamallo e Pilar Romero puideron conversar cos campesiños beneficiarios que lles deron mostra de como con terras que ata hai pouco eran estériles conseguiron cultivar dúas colleitas ao ano, que dan de comer ás súas familias e lles serve tamén para a venda ao exterior.
Fuxida da cooperación asistencialista
Segundo Carmen Parrado, coordinadora de Escaes-Perú, todo o traballo se realiza co apoio compartido das alcaldías e a man de obra do campesiño. "Nós non cremos na cooperación asistencialista, consideramos que teñen que dar ferramentas para o desenvolvemento e que os propios beneficiarios deben responsabilizarse dos proxectos polo que sempre ten que ter unha participación activa nestes", comentou.
Esta foi a clave para outorgar sostibilidade aos proxectos e para que a cooperación galega seguira apoiando ano tras ano as súas iniciativas. De feito na construción dos pequenos encoros de auga e a súa canalización os agricultores puxeron practicamente toda a forza de traballo, mentres as organizacións non deron o apoio técnico e a capacitación, e o goberno galego puxo o financiamento
Gamallo mostrouse admirado polo afán de superación da poboación e pola súa participación activa en todo o proceso. Estamos moi orgullosos deste proxecto de cooperación, un dos máis antigos e estables que ten a Xunta, pola implicación de todos os seus integrantes e polos cambios que puidemos percibir na forma de vida dos campesiños," dixo.
Da alfabetización á gandaría
O Proxecto Binacional "Chinchaysuyo" impulsado por Axuda en Acción e ESCAES co financiamento da Xunta de Galicia inclúe proxectos en comunidades excluídas da fronteira peruano-ecuatoriana co obxectivo de facer fronte aos principais problemas en ambos os dous países. Para iso, traballan tamén en programas de alfabetización, empoderamento das mulleres, cultivos mellorados e gandaría.
A delegación visitou varias das parcelas de cultivo, ademais dunha planta de procesamento da panela e unha pequena granxa de cría de cabras.
Durante todo o percorrido, que comezou ás 7.30 horas e se prolongou ata as 19 horas, a poboación foi mostrando o seu agradecemento aos responsables da Xunta, ademais dos seus avances persoais.
As mulleres foron as que máis insistiron en que a súa vida é outra tras ser parte dos grupos de alfabetización porque por primeira vez se senten parte de algo importante e porque as súas opinións agora son tidas en conta. Algunhas delas xa se graduaron de educación básica e mesmo teñen a ilusión de ir á universidade.
A delegación da Xunta tamén puido gozar dunha degustación de pratos típicos feitos polos propios campesiños con produtos orgánicos dos seus hortos. A capacitación en seguridade alimentaria xerou unha mellora nas condicións de nutrición e no desenvolvemento dos nenos.
Seis anos de cooperación
A relación de ESCAES, que é unha organización galega en orixe, e a Xunta iniciouse no 2005, prolongándose ata a actualidade, co compromiso do propio Gamallo de mantela para os próximos anos se as asignacións presupostarias o permiten. Ademais de proxectos agrícolas, Carmen Parrado, médica de profesión, realizou campañas de saúde e dotado aos distritos de Ayabaca de unidades móbiles médicas.
Os representantes da Xunta tamén foron recibidos polas corporacións municipais de Montero e Ayabaca, que agradeceron o apoio recibido nas súas localidades. Nun destes actos Gamallo realizou un recoñecemento especial ao labor de Carmen Parrado, xa que tras máis de 20 anos no país conseguiu unha palpable mellora das condicións de vida dos campesiños peruanos.