Noticias de Cooperación Gallega
17/09/2011
Xeral

A cooperación galega combate a desnutrición en Perú a través de formación nas escolas

O corenta por cento dos nenos e nenas peruanos padecen desnutrición crónica, non só pola falta de recursos económicos senón tamén pola falta de educación en nutrición. A pesar de ser un país eminentemente pesqueiro a súa poboación só consume carne, o que dificulta que teñan os nutrientes suficientes para un bo desenvolvemento físico e mental.
A cooperación galega a través dun convenio co Instituto Tecnolóxico Pesqueiro (ITP) e Asociación de Fabricantes de Conservas (Anfaco) apoiaron talleres para nenos de 3 a 5 anos que promoven o consumo de peixe e informan dos beneficios dun bo ámbito alimenticio.
Ademais realizáronse talleres para os pais de familia e instaláronse puntos de venda de peixe en zonas nas que a poboación non tiña acceso a este tipo de alimentos. Así mesmo, tamén se apoiou a capacitación de técnicos locais. No ano 2010 promoveuse a construción de piscigranjas na comunidade campesiña de Santa Bárbara, Huancavenica, unha das zonas máis pobres do país, para dotar de medios alternativos de produción á poboación. Desde o 2007 á actualidade a Xunta doou 260.000 euros a estes proxectos.
Perú é o país no que se pesca unha maior cantidade de sardinilla ou anchoeta, pero ata hai seis anos toda se dedicaba á fabricación de fariña de peixe ou á exportación, polo que nunca chegaba ao consumo local.
Segundo explicaron os encargados do Instituto Tecnolóxico Pesqueiro ao director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Alller, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, a falta de refrixeradores e de transporte axeitado para a conservación do peixe estendeu a idea entre a poboación de que o seu consumo era inseguro, xa que ao romperse a cadea de frío provocaba moitas intoxicacións.
Promoción da Anchoveta.
Como alternativa, o ITP xunto con Anfaco promoveron a conserva de anchoveta, o que permite que o produto chegue a todas as partes do país e a familia poida conservalo sen medo a que se estrague. Dende o 2003 en moitos colexios repártese dúas veces á semana hot dog e hamburguesas.
Jesús Gamallo e Pilar Romero visitaron unha das escolas do distrito do Callao, área de Lima que protagonizou un crecemento desenfreado durante os últimos 10 anos debido a que gran cantidade de poboación proveniente da serra se asentaron alí para poder traballar na cidade, pero sen dispoñer dos servizos mínimos de habitabilidade.
Os alumnos desta escola teñen problemas de nutrición, pero grazas ao esforzo das súas mestras e ao apoio de Anfaco foron remitindo. "Agora os nenos valoran máis comer pescado que carne e ademais aos seus pais sáelles máis barato, xa que o quilo de carne está a 18 soles (8 euros) e a lata de anchoveta a 3 soles," comentou a directora do centro.
Os alumnos sorprenderon á delegación galega disfrazados de peixes, cantáronlles unha canción sobre os beneficios do consumo deste alimento e ata conseguiron que bailasen ao ritmo da súa música. Tras este grato encontro, visitaron as instalacións do ITP.
Acuicultura e pesca artesanal, sectores básicos.
A cooperación no ámbito pesqueiro é unha das máis importantes para Galicia, que busca especializarse nos sectores para os que cre dispoñer de maiores capacidades. "A acuicultura e a pesca artesanal son sectores básicos para o noso propio país e nos que cremos ter bastante que achegar a países como Perú ou a rexión centroamericana", afirmou Pilar Romero.
Esta foi a última xornada dunha intensa semana de percorrido por Perú, no que puideron corroborar a eficacia dos proxectos que se financian cos impostos dos galegos.
Gamallo asegurou estar moi contento por esta visita e polo éxito dos proxectos. "Perú era o país que nos faltaba por visitar, era unha viaxe que estaba pendente dende hai tempo, e que este ano tivemos a sorte de poder realizar. A poboación peruana tratounos de marabilla, e os encargados das contrapartes que temos no país demostraron o seu compromiso coa cooperación e o que é máis importante co desenvolvemento real das poboacións ás que brindan o seu traballo".