A Xunta de Galicia activa unha nova resposta de emerxencia ante a crise humanitaria no Corno de Africa
Despois de que no mes de xuño pasado as Nacións Unidas alertaran sobre a grave crise humanitaria que se está a vivir no corno de África, declarando oficialmente a situación de hambruna en varias rexións do Sur de Somalia, a Xunta de Galicia en colaboración coa ONGD Farmamundi, puxo en marcha un operativo de emerxencia para dar cobertura ás necesidades básicas máis urxentes á poboación somalí refuxiada na localidade de Dabaad, no Distrito de Garissa en Kenya.
Actualmente a situación está lonxe de terse solucionado, as necesidades seguen sendo moitas e acuciantes, e poboación refuxiada somalí non deixa de chegar aos campos de Dabaad en Kenya. Nestes momentos se estima que 660.000 somalís buscan refuxio fora do seu país, e preto de once millóns de persoas se atopan en condicións de seria vulnerabilidade.
Farmamundi segue traballando na zona a través do seu socio local HESED- África, e en coordinación coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR e o Programa Mundial de Alimentos, PMA, e ten solicitado á Xunta a súa colaboración para dar atención a 300 persoas durante os vindeiros 3 meses.
Grazas á colaboración da Xunta de Galicia garantirase a prestación de atención sanitaria ás persoas, fundamentalmente mulleres e nenos/as, que esperan nos redores dos campos de refuxiados a poder ser rexistrados para así ter acceso a unha axuda humanitaria continuada.
Tratarase con isto de dar solución a unha das problemáticas máis urxentes que se está a producir dende que se desatou a crise, xa que a chegada masiva de poboación refuxiada ten ocasionado o desbordamento do persoal humanitario encargado do rexistro das persoas recén chegadas, que teñen que esperar nalgúns casos por enriba de 21 días para ser atendidas.