O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibe á nova Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, presidida por Teresa París, concelleira do Concello de Redondela.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesús Gamallo recibiu hoxe na sede da Dirección Xeral en Santiago a unha delegación da nova Comisión Executiva do Fogacosol, recentemente renovada na Asemblea Xeral de Socios da entidade celebrada o pasado 30 de setembro.
A nova Comisión Executiva está composta por Teresa París, concelleira do Concello de Redondela, como presidenta, Isaura Abelairas, concelleira do Concello de Vigo, como vicepresidenta e Pilar Gallego, concelleira do Concello de Allariz como tesoureira. A Secretaría continuará correndo ao cargo do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que impulsou a creación da asociación en 1997.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, tras felicitar aos novos representantes do Fondo pola súa recente elección por unanimidade da Asemblea Xeral, apostou por seguir mantendo, como ata agora, relacións fluídas e de colaboración.
Así mesmo, Jesús Gamallo explicoulles as liñas de actuacións da Xunta en materia de cooperación, recollidas no II Plan director 2010-2013 aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, e deixou claro o compromiso da Xunta cunha política de cooperación ao desenvolvemento adaptada ao contexto económico actual.
Sinalou tamén que manterase cara ao ano 2012 a colaboración co Fogacosol para o financiamento de actuacións de sensibilización da sociedade galega, tal e como ven facendo a Xunta desde o ano 2003.
O director xeral tivo un recordo tamén para Alfredo Novoa, o presidente saínte , do que indicou que, nos 14 anos que presidiu o Fondo, tivo sempre unha actitude positiva e de colaboración, lembrando as súas intervencións sempre construtivas no Consello Galego de Cooperación.
Pola súa banda, os representantes do Fondo expresaron a súa intención de traballar desde o consenso, sumando esforzos para lograr unha cooperación máis eficaz e eficiente, sen perder nunca de vista o obxectivo principal de mellorar as condicións de vida das persoas dos países do Sur.
O Fondo Galego, recoñecido como axente de cooperación pola Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento, é unha entidade plural engloba a 96 municipios galegos e ás catro deputacións provinciais. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que impulsar un maior compromiso de cooperación ao desenvolvemento das Entidades Locais, nun marco máis estable e permanente.