Noticias de Cooperación Gallega
18/10/2011
Xeral

O comité das Rexións de Europa atribúe ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE a elaboración dun ditame sobre o impacto da futura política de cooperación ao desenvolvemento na UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi elixido por unanimidade dos grupos políticos como relator para a elaboración dun novo ditame sobre o impacto da futura política de cooperación ao desenvolvemento na UE.
Este ditame será analizado na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) do próximo mes de decembro e previsiblemente será adoptado na reunión plenaria de xaneiro de 2012.
O director xeral valorou moi positivamente a atribución unánime deste novo ditame sobre cooperación ao desenvolvemento, e recordou que a UE é o primeiro donante para o desenvolvemento do mundo, apostando por actuacións coordinadas entre os distintos niveis de administración buscando a especialización.
III Diálogo Anual sobre dereitos Fundamentais
Gamallo participou previamente á reunión do CIVEX no III Diálogo Anual sobre dereitos Fundamentais coa Axencia europea, onde se resaltou que para as autoridades locais e rexionais, a protección e promoción dos Dereitos Fundamentais é un dos deberes máis importantes das Institucións europeas, dos Estados membros, e das propias autoridades locais e rexionais. Con esta base e coa vista posta na conferencia da Presidencia do Consello de Ministros sobre Dereitos Fundamentais que terá lugar os días 21 e 22 de novembro en Polonia, os membros de CIVEX e os representantes da Axencia de Dereitos Fundamentais recalcaron o seu compromiso para desenvolver unha cultura de promoción e protección de dereitos en tódolos niveis administrativos da UE.
Para o director xeral de Exteriores e coa UE, “Europa debe continuar sendo un referente na defensa dos Dereitos Fundamentais e das liberdades públicas se quere xogar un verdadeiro papel como actor global”.
Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Agrupa desde xaneiro de 2010 ás antigas comisións de RELEX (Relacións Exteriores) e CONST (Asuntos Constitucionais).
A comisión ten competencia en múltiples eidos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, Asociación Oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.