Noticias de Cooperación Gallega
28/10/2011
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibe a representantes das organizacións locais guatemaltecas participantes na Iniciativa de Desenvolvemento Integral (IDI) que se está a desenvolver na Costa Sur de Guatemala.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesús Gamallo recibiu hoxe na sede da Dirección Xeral en Santiago a dous representantes das organizacións locais guatemaltecas participantes na Iniciativa de Desenvolvemento Integral (IDI), que se atopan de visita en Galicia durante estes días con motivo da realización dunhas xornadas de divulgación da dita Iniciativa de Desenvolvemento.
Na súa xuntanza co director xeral, os representantes guatemaltecos agradeceron a solidariedade de todos os galegos e as galegas que cos seus impostos están a axudar a 18 comunidades mediante o financiamento deste programa, e explicáronlle os avances acadados nas súas municipalidades grazas á axuda da Xunta.
O director xeral deulles a benvida a Galicia e reiterou o compromiso da Xunta cos pobos mais desfavorecidos co fin de mellorar a calidade de vida das súas poboacións.
Tras este encontro tivo lugar unha reunión de coordinación cos actores participantes na IDI, na cal se abordaron os logros alcanzados ata o momento e a estrategia de salida da devandita intervención no ano 2012.
Trátase dunha intervención de desenvolvemento integral financiada pola Xunta de Galicia, que se está a desenvolver na Costa sur de Guatemala, e na que diversos actores traballan conxuntamente, coa visión de que o territorio da Costa Sur de Guatemala estea dotado da infraestrutura necesaria para garantir a satisfacción das necesidades sociais básicas, tales como a habitabilidade, a cobertura sanitaria, a mellora da calidade educativa ou a seguridade alimentaria. Así mesmo, preténdese fortalecer as capacidades sociais, políticas e económicas da poboación. E todo iso coa misión de orixinar un cambio nas estruturas territoriais e sociais, traballando sobre a base da planificación estratéxica e da condución política das autoridades comunitarias e municipais.
Esta intervención, na que participan conxuntamente a Xunta de Galicia, dúas Municipalidades de Guatemala (os Municipios de Champerico e Retalhuleu), cinco ONGD galegas (Arquitectos sin Fronteras, Farmamundi, Solidaridad Internacional, Educación sin Fronteras y Acsur-Las Segovias) e varias entidades do país centroamericano, recibiu unha dotación orzamentaria desde o seu inicio no ano 2008 de mais de 3,5 millóns de euros, converténdose deste xeito na iniciativa que recibiu un maior financaimento da Xunta de Galicia en materia de cooperación para o desenvolvemento. A finalización da súa execución está prevista para o ano 2012.
A IDI de Guatemala foi obxecto dunha visita do director xeral no ano 2009, que tivo por obxecto comprobar sobre o terreo a maraha dos traballos das diferentes organizacións e os avances producidos na mellora das condicións de vida das poboacións beneficiarias
As Iniciativas de Desenvolvemento Integral se enmarcan dentro das estratexias de desenvolvemento das políticas locais dos países receptores, son propostas e dinamizadas por estes, se alonxan de intervencións puntuais e illadas, e con elas se persigue a complementariedade e o traballo conxunto con diferentes actores.