O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reúnese coa Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD para informar das grandes liñas do orzamento 2012 en cooperación para o desenvolvemento
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu hoxe na sede da Dirección Xeral en Santiago á Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD.
A esta xuntanza asistiron por parte da Coordinadora Galega de ONGD a presidenta, Gema Filgueira, a vicepresidenta, María Paz e a secretaria, Judith Sing.
Jesús Gamallo deixou claro o compromiso da Xunta cunha política de cooperación para o desenvolvemento adaptada ao contexto económico actual, como demostra o feito de que o orzamento destinado a cooperación exterior para o ano 2012 mantense no mesmo importe total que o orzamento final do 2011, o que vai permitir seguir dando cumprimento ás actuacións previstas no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013.
O director xeral informou ás representantes da Coordinadora que está previsto que a finais deste ano, e con cargo ao orzamento de 2012, saian publicadas as convocatorias de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior e de microproxectos, así como de actividades de educación para o desenvolvemento e de proxectos para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento. A dotación prevista para ditas convocatorias para proxectos bianuais é de 5.150.000 euros, é dicir, o mesmo importe que a dotación inicial das convocatorias publicadas con cargo ao orzamento 2011, ao que habería que engadir os 300.000 € cos que se vai dotar a convocatoria de acción humanitaria.
Ademáis, o novo orzamento vai permitir dar cumprimento a todos os compromisos derivados de convocatorias de anos anteriores, de forma que a porcentaxe de fondos que se vai destinar a convocatorias públicas de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para os axentes de cooperación supera o 70% dos capítulos operacionais de gastos do orzamento 2012.
Igualmente, Jesús Gamallo comunicoulles que para o ano 2012 está previsto asinar un novo convenio coa Coordinadora Galega de ONGD, por importe de 90.000 € (igual cantidade que a destinada no ano 2011), para o financiamento do Plan Estratéxico 2012 da citada entidade.
Por outra banda, o director xeral comunicoulles que recentemente a Comisión europea aprobou unha proposta da Xunta de Galicia para levar a cabo o proxecto titulado “Creación e reforzo de capacidades do Ara-Norte para a planificación e xestión dos recursos hídricos nas concas internas de Cabo Delgado, Mozambique”. Dito proxecto é froito da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Organismo Autónomo Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE
As representantes da Coordinadora valoraron positivamente o esforzo da Xunta de Galicia por manter o orzamento de cooperación para o 2012 nos mesmos termos cuantitativos que o orzamento final de 2011.
A Coordinadora informou de que están a realizar unha avaliación do Plan Estratéxico actual de cuxo reultado sairán as grandes liñas do Plan 2012, pero que en todo caso, seguirán traballando nas áreas de formación do sector galego de cooperación e de sesibilización da cidadanía galega, así como dando visisbilización á cooperación galega.