A Xunta de Galicia activa unha resposta humanitaria de urxencia ante a emerxencia en Centroamérica
As intensas e prolongadas chuvias que están azotando a rexión centroamericana, concretamente a O Salvador e Nicaragua, ocasionaron que en ambos países se declarase o Estado de Emerxencia e Calamidade Nacional, e se fixera a consecuente solicitude de axuda humanitaria de emerxencia por parte dos seus Gobernos.
Na rexión centroamericana ten chovido nos últimos días máis da metade do que chove en todo o ano o que supón un índice de precipitación mais alta que a acontecida co paso do furacán Mitch no 1998, a última gran emerxencia por choivas padecidas na rexión.
A situación no Salvador é calamitosa coa perda de 32 vidas humanas, a evacuación de 32.243 persoas que se atopan na súa maioría nos 223 albergues habilitados a nivel nacional, a inundación de 80 comunidades e un total de 18.445 vivendas e os danos severos causados na infraestrutura vial e de servizos básicos e nos cultivos pola saturación do solo e o desbordamento de ríos.
En Nicaragua hai 148.530 persoas afectadas, das cales 4.943 atópanse albergadas, 16 falecidos e importantes danos en cultivos e infraestruturas. Ademais varios dos lagos do país presentan alto risco de desbordamento se a choiva non cesa.
A Xunta de Galicia, grazas a un convenio de actuación ante emerxencias que ten asinado coa ONGD Farmamundi, activou unha resposta para atender con celeridade e urxencia ao chamamento de axuda realizado a nivel gobernamental e de Nacións Unidas.
No Salvador prestarase atención a 385 familias (unhas 2000 persoas aproximadamente) do Departamento de La Paz, un dos máis afectados polas inundacións, a través da entrega de kits hixiénicos e de limpeza que preveñan a aparición e contaxio de enfermidades relacionadas coa auga, un dos maiores riscos neste tipo de emerxencias. A identificación de familias afectadas fíxose por Farmamundi, con presenza no país dende o 2001, en coordinación coas alcaldías afectadas que son os referentes do sistema de protección civil e polo tanto os encargados de levantar censos e administrar a axuda que chega ás comunidades.
En Nicaragua da man do Ministerio de Saúde (MINSA) intervirase para mellorar a resposta de emerxencia brindada polo Centro de Saúde Sócrates Flores del SILAIS de Managua, nos albergues para poboación afectada pola crecida do Lago Xolotlán, garantindo a atención sanitaria básica a 150 familias (unhas 950 persoas) e o control de focos epidemiolóxicos nos barrios costeiros próximo ao lago.