A Xunta explica en Bruxelas as prioridades das rexións europeas en materia de axuda para o desenvolvemento.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou ao Comité das Rexións na reunión de seguimento do Diálogo Estruturado por unha cooperación eficaz para o desenvolvemento, organizada pola Comisión Europea. O obxectivo deste foro é mellorar a eficacia do conxunto de organismos e institucións involucradas no desenvolvemento da Política de Cooperación Europea. Nesta reunión participan representantes do Parlamento Europeo, o Comité Económico e Social e o Comité das Rexións.
Gamallo interveu na sesión ‘Diálogos entre a Sociedade Civil’ en calidade de membro da comisión de Cidadanía, Gobernanza, e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións Europeo. Este organismo aprobou por unanimidade o pasado mes de maio o Ditame sobre ‘Política de Desenvolvemento da UE’, elaborado polo director xeral, no que solicita á Comisión Europea unha revisión da Política Europea de Desenvolvemento que puxese de relevo o papel das cidades e rexións europeas nesta materia.
Implementar a Política de Desenvolvemento da UE
Na súa intervención, Jesús Gamallo evocou a ultima reunión do Dialogo Estruturado, celebrada o pasado mes de maio, e destacou a responsabilidade das cidades e rexións na conciliación dos “diferentes planes e proxectos de cooperación ás necesidades reais dos receptores de axuda”.
O director xeral avanzou algúns dos aspectos recollidos no Ditame sobre o ‘Incremento do impacto da política de desenvolvemento da UE: Programa para o cambio’, cuxa elaboración lle foi atribuída o pasado mes de novembro por unanimidade na comisión CIVEX do Comité das Rexións. Este ditame será analizado na reunión da comisión CIVEX do próximo mes de decembro e previsiblemente será adoptado na reunión plenaria de xaneiro de 2012.
Gamallo sinala que a Comisión Europea debe apoiarse na “incorporación dun enfoque baseado non só en obxectivos, senón tamén en actores e na distribución das responsabilidades entre eles na Política de Cooperación da UE”. Así, solicita a esta Institución a creación dunha liña financeira específica a disposición dos entes locais e rexionais europeos, a través da cal poidan transferir os seus coñecementos naquelas parcelas dos sectores públicos nos que dispoñen dunha maior experiencia. Neste senso, destacou a fortaleza de Galicia en sectores como a pesca ou a acuicultura.
Ademais, Jesús Gamallo mostrou o seu apoio á decisión da Comisión Europea de solicitar ao Consello a aprobación do ‘Programa para o Cambio’ da política de desenvolvemento da UE, para lograr “unha xestión da axuda máis eficaz e cun maior impacto sobre os países receptores”. O director xeral de Relacións Exteriores reclamou a concesión dun papel “máis activo e determinante” aos entes locais e rexionais.
Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Agrupa desde xaneiro de 2010 ás antigas comisións de RELEX (Relacións Exteriores) e CONST (Asuntos Constitucionais).
A comisión ten competencia en múltiples eidos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta de los Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, Asociación Oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.