Noticias de Cooperación Gallega
21/12/2011
Xeral

O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento da o visto bo ao Plan Anual 2012 da Cooperación Galega

. O Director xeral de Relacións Exteriores e coa UE presidiu esta mañá o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, órgano de coordinación e asoramento no que están representados todos os axentes galegos de cooperación.

. O orzamento para 2012 destinado pola Xunta de Galicia para actuacións de cooperación para o desenvolmeneto mantense nos mesmos termos que o destinado para ditas actuacións no 2011

Jesús Gamallo presidiu esta mañá en Santiago a xuntanza plenaria do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento que contou coa asistencia de todos os representantes dos axentes galegos de cooperación (Xunta de Galicia, ONGD, Fondo Galego de Cooperación, universidades, empresas, expertos independentes e obras sociais).

O principal punto da orde do día foi a presentación do Plan Anual 2012 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que recibiu o visto bo do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

Dito Plan anual enmárcase no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013 e recolle as actuacións que se teñen previsto levar a cabo en materia de cooperación cos recursos destinados para ese ámbito nos Orzamentos da Xunta para 2012, e ten como obxectivo mellorar a eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, dunha maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións, dunha orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade Autónoma e dunha aposta por un maior impacto das intervencións.

O Plan tamén aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva fronte as actuacións financiadas por convenio de colaboración. Así, dos orzamentos para 2012 destinaranse máis de catro millóns de euros ás convocatorias públicas de axudas , o que representa un 66% do orzamento total de cooperación exterior e máis dun 70% das partidas operacionais do programa orzamentario, co fin de que os axentes de cooperación poidan presentar os seus propios proxectos.

Para a realización destas actuacións, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE conta cun orzamento inicial de algo mais de seis millóns seiscentos mil euros.

Nesta xuntanza do Consello Galego de Cooperación o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE informou tamén sobre os resultados da execución do Plan Anual 2011, no que se recollen as actuacións realizadas durante este ano no que a cooperación galega executou un orzamento de case sete millóns de euros.

Así mesmo, na xuntanza procedeuse a elección da Vicepresidenta do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, cargo que ostentará Laura de Río Quiroga, representante de Farmamundi no Consello, que foi proposta polos cinco representantes da Coordinadora Galega de ONGD.