Noticias de Cooperación Gallega
30/12/2011
Xeral

O Consello da Xunta aproba as bases das convocatorias de subvencións para proxectos e microproxectos de cooperación no exterior, para actividades de educación para o desenvolvemento e de fortalecemento de ONGD e para bolsas de formación

 A Consellería de Presidencia aproba as ordes que establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para proxectos e microproxectos de cooperación no exterior, así como para actividades de educación para o desenvolvemento e de fortalecemento de ONGD. Convócanse tamén doce bolsas de formación de expertas/os en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

 As convocatorias, ás que a Xunta destina máis de 5 millóns de euros, publicaranse no DOG a principios do mes de xaneiro

O Consello da Xunta, aprobou na súa reunión semanal de onte, as bases reguladoras de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, promovidos polos axentes de cooperación. Así mesmo, aprobou tamén as bases para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento, e para a consolidación e fortalecemento de ONGD.

As convocatorias terán carácter bianual (2012-2013), e serán financiadas con 5.175.000 euros.

Estas convocatorias enmárcanse no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego aposta por unha cooperación máis selectiva que redunde nunha maior visibilidade da Cooperación Galega, así como pola educación para o desenvolvemento da sociedade galega e polo fortalecemento do sistema galego de cooperación, a través da mellora das capacidades técnicas e operativas dos axentes de cooperación.

Proxectos de cooperación no exterior

A convocatoria para a execución de proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, ten carácter bianual e financiarase cun importe total de 4.525.000 euros. O importe máximo das axudas que se poderá financiar é do 95% do orzamento total do proxecto.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD; proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, coma universidades, empresas, sindicatos, fundacións e comunidades galegas, entre outras; e, microproxextos no exterior executados polas ONGD.

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2012, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2012. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos, financiarase un único proxecto individual a cada entidade e un único proxecto en agrupación.

O goberno galego aposta por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza , concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é o caso da pesca.

O goberno galego segue mantendo o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario.

Actividades de Educación para o Desenvolvemento e fortalecemento de ONGD

A convocatoria de subvencións para actividades de educación para o desenvolvemento realizadas polas ONGD e para proxectos de consolidación e fortalecemento das ONGD terá un orzamento de 650.000 euros. O período de execución é de dous anos, 2012 e 2013.

As actividades de educación para desenvolvemento de ONGD terán un orzamento de 400.000 euros, e os proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD, 250.000 euros. O importe total que se poderá financiar é do 95% do orzamento total do proxecto. Nos proxectos presentados por unha agrupación de entidades, a subvención concedidas non excederá o limite de 225.000 euros.

Bolsas de formación de expertos en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Ase mesmo, o Consello da Xunta deu hoxe o visto bo, ao acordo polo que se aproban as bases reguladoras para a convocatoria de doce bolsas de formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento. A orde será financiada con 196.600 euros.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2012-2013 cunha duración máxima de 12 meses, entre o 1 de maio do 2012, e o 30 de abril do 2013. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes mais gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior, e 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral.

O obxectivo destas bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os destinos para a formación dos bolseiros serán a sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e as Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, entre outros.

Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, ter nacionalidade española, ter nado a partir do 1 de xaneiro de 1980, estar en posesión dun titulo universitario, e non ter sido beneficiario dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.