Noticias de Cooperación Gallega
10/01/2012
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de ONGD

Esta convocatoria enmárcanse no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego aposta por unha cooperación máis selectiva que redunde nunha maior visibilidade da Cooperación Galega, así como pola educación para o desenvolvemento da sociedade galega e polo fortalecemento do sistema galego de cooperación, a través da mellora das capacidades técnicas e operativas dos axentes de cooperación.
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:
• actividades de educación para o desenvolvemento realizadas polas ONGD, cunha dotación de 400.000 € (140.000 no 2012 e 260.000 no 2013).
• proxectos de consolidación e fortalecemento das ONGD, cunha dotación de 250.000 € (87.500 no 2012 e 162.500 no 2013).
A convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento ven publicándose dende o ano 1996 e a de axudas para proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD, dende o ano 2004. Con esta convocatoria, a Xunta de Galicia promove por unha banda a concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza, a formación sobre o desenvolvemento, a investigación sobre o desenvolvemento e a mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade, e por outra o fortalecemento e mellora das capacidades técnicas dos axentes de cooperación.
En anos anteriores esta convocatoria publicábase conxuntamente coa de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior a executar polos axentes de cooperación. Por razóns de operatividade este ano decidiuse separar ambas convocatorias en dúas ordes atendendo ao seu ámbito territorial de aplicación: unha para os proxectos de educación para o desenvolvemento e de consolidación e fortalecemento de ONGD que se desenvolven na Comunidade Autónoma de Galicia, e outra para os proxectos de cooperación para o desenvolvemento e microproxectos que se executan no exterior.
Como novidades concretas da convocatoria de 2012 inclúese a unificación para todas as modalidades de axuda os requisitos de contar as entidades solicitantes cun ano de antigüidade de inscrición no rexistro de axentes de cooperación para o desenvolvemento, que os proxectos non estean iniciados antes do 1 de xaneiro de 2012. Na convocatoria de consolidación e fortalecemento de ONGD elimínanse, por un lado, o requisito de non ter recibido en máis de catro anos axudas a través desta convocatoria, para poder acceder ao financiamento, entendendo que o fortalecemento e mellora de capacidades teñen que ser continuo e non limitado no tempo e, por outro, as diferenzas no acceso a financiamento entre aquelas ONGD con domicilio social en Galicia ou con delegación permanente.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 10 de febreiro de 2012.