Noticias de Cooperación Gallega
10/01/2012
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de 12 bolsas de formación de expertos en cooperación para o desenvolvemento.

Esta convocatoria enmárcase no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.
O obxectivo destas 12 bolsas é a formación de persoal especializado en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os destinos para a formación dos bolseiros serán a sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e as Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, entre outros.
As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2012-2013 cunha duración máxima de 12 meses, entre o 1 de maio do 2012 e o 30 de abril do 2013. O importe da bolsa será de 1.200 euros brutos/mes mais gastos de viaxe, no caso de que os destinos sexan no exterior, e 1.000 euros brutos/mes no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral. A orde será financiada cun total de 196.600 euros.
Os requisitos para poder optar a estas bolsas son, entre outros, ter nacionalidade española, ter nado a partir do 1 de xaneiro de 1980, estar en posesión dun titulo universitario, e non ter sido beneficiario dunha bolsa de formación no eido da cooperación internacional.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas de ambas convocatorias remata o 10 de febreiro de 2012.