Noticias de Cooperación Gallega
18/01/2012
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:
• proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)
• microproxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)
• proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)
A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior de ONGD ven publicándose dende o ano 1995. A convocatoria ten carácter bianual (2012-2013), salvo microproxectos que é anual, e será financiada cun importe total de 4.525.000 euros, mantendo o mesmo orzamento inicial das mesmas convocatorias no 2011,do seguinte xeito:
• Proxectos no exterior de ONGD: 3.350.000 € (1.005.000 no ano 2012 e 2.345.000 no 2013)
• Microproxectos no exterior de ONGD: 175.000 € no 2012
• Proxectos no exterior doutros axentes: 1.000.000 € (300.000 no ano 2012 e 700.000 no 2013)
Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD; proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, coma universidades, empresas, sindicatos, fundacións e comunidades galegas, entre outras; e, microproxectos no exterior executados polas ONGD.
Os proxectos e microporxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2012, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2012. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos, financiarase un único proxecto individual a cada entidade e un único proxecto en agrupación.
Esta convocatoria enmárcase no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, coma é o caso da pesca.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 18 de febreiro de 2012.