O Consello da Xunta aproba o Plan anual da Cooperación Galega para o 2012
O Plan anual enmárcase no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013 e recolle as actuacións que se teñen previsto levar a cabo pola Xunta na materia de cooperación para o desenvolvemento no ano 2012. O obxectivo para este ano é mellorar a eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, dunha maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións, dunha orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade Autónoma e dunha aposta por un maior impacto das intervencións.
O Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva fronte as actuacións financiadas por convenio de colaboración. Así, dos orzamentos para 2012 destinaranse máis de catro millóns de euros ás convocatorias públicas de axudas, o que representa un 66% do orzamento total de cooperación exterior e máis dun 70% das partidas operacionais do programa orzamentario, co fin de que os axentes de cooperación poidan presentar os seus propios proxectos.
Continuarase co apoio financeiro ás actuacións que no ámbito da cooperación se promovan dende a Coordinadora Galega de ONGD, que permite facilitar a coordinación entre os distintos actores e a articulación de iniciativas conxuntas; e dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, polo seu papel de interlocutor na cooperación da Administración local en Galicia.
Potenciarase a coordinación de actuacións con outras administracións e a nivel interno con outros departamentos da Xunta de Galicia, para acadar una axuda mais eficaz, poñendo énfase na especialización de Galicia en determinados sectores como a pesca e a acuicultura. Así, comezarase a execución do proxecto de consolidación da administración rexional de augas do norte (ARA-Norte) en Mozambique, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento (FED), nun partenariado con Augas de Galicia e continuarán as actuacións conxuntas coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do Cetmar, en Centroamerica, Perú ou Mozambique, en materia de pesca e acuicultura, ámbitos nos que a Comunidade Autónoma de Galicia dispón dunha gran experiencia adquirida para poñer a disposición dos países do Sur. Así mesmo, tense previsto finalizar neste ano a execución da Iniciativa de Desenvolvemento Integral en Guatemala.
Para a realización destas actuacións, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE conta cun orzamento inicial de algo mais de seis millóns seiscentos mil euros.