O Pleno do Comité das Rexións Europeo aproba por unanimidade o ditame de Gamallo sobre o impacto da Política Europea de Desenvolvemento.
Bruxelas, 16 de febreiro de 2012.-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, defendeu hoxe en Bruxelas, ante o pleno do Comité das Rexións europep(CdR), o seu proxecto de ditame destinado a aumentar o impacto da política de desenvolvemento europea. O citado ditame, que xa fora aprobado por unanimide na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do CdR celebrada o 1 de decembro de 2011, recibiu o apoio unánime de todos os representantes do pleno.do citado órgano comunitario.
Na súa intervención, o director xeral de Relacións Exteriores solicitou unha revisión da política de desenvolvemento europea, na que se destaque a “relevancia de posición, o papel e o valor engadido das entidades rexionais e locais” nesta materia. Así, Gamallo defendeu “unha política na que se prevea unha maior aposta por un modelo de cooperación descentralizada, baseada nos principios de división e especialización do traballo”, para lograr “unha mellora da súa eficacia”.
O director xeral destacou a experiencia das entidades rexionais e locais europeas no eido da descentralización e considerou que deberían asumir maiores responsabilidades, para lograr a expansión das “boas practicas de xestión pública e rendición de contas”. Neste senso, indicou que poderían establecer asociacións de excelencia cos seus homólogos nos países en desenvolvemento.
Para isto Jesús Gamallo solicitou á Comisión Europea a creación dunha liña financeira específica a disposición dos entes locais e rexionais europeos, co apoio da cal poidan transferir os seus coñecementos naquelas parcelas nas que dispoñen dunha maior experiencia. Neste senso, destacou a fortaleza de Galicia en sectores como a pesca ou a acuicultura.
O ditame insiste tamén na necesidade de que “a política de Cooperación ao Desenvolvemento da UE non de cobertura a situacións como a que se vive nalgúns países do Índico (concretamente en Papúa Nova Guinea) que poden servir de plataformas para a entrada de latas de atún no mercado comunitario sen aranceis e sen cumprir os estándares esixidos na UE. Esta situación non redunda en beneficio das poboacións destes países senón nas grandes empresas multinacionais tailandesas ou norteamericanas e sen embargo prexudica ao sector europeo, e especialmente ao galego”, denunciou o director xeral.
Por outra banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE sinalou a necesidade de avanzar na división do traballo e na especialización dos donantes europeos, co obxectivo de aumentar a coordinación e complementariedade entre os diferentes actores no eido da cooperación. Por iso solicita no ditame a creación de “puntos de referencia para os entes rexionais e locais no Servizo Europeo de Acción Exterior e na Dirección Xeral de Cooperación ao Desenvolvemento”, tanto na Unión Europea como nos países socios.
No ditame ‘Aumentar o impacto da política de desenvolvemento da UE: un Programa para o Cambio’, presentado por Jesús Gamallo, o Comité das Rexións se compromete a continuar a súa estreita colaboración coa Comisión Europea neste ámbito. Esta colaboración materializase potenciando o uso do “Atlas para a Cooperación Descentralizada”, así como mediante a organización da Conferencia sobre a Cooperación Descentralizada e a participación nos Diálogos estruturados da UE, entre outras iniciativas.