Noticias de Cooperación Gallega
27/03/2012
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regulará a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2012.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A primeira convocatoria de subvencións para proxectos de acción humanitaria foi publicada no ano 2010 pola extinta Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG), cunha dotación inicial de 300.000 euros que foi posteriormente incrementada en 210.000 euros. A convocatoria ten carácter anual, e será financiada cun importe total de 300.000 euros, mantendo o mesmo orzamento inicial das mesmas convocatorias no 2010 e 2011, sen prexuízo de que posteriormente se poida ver incrementada esta dotación con achegas posteriores.

Os proxectos que poderán optar a estas subvencións son os proxectos no exterior executados polas ONGD que posúan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria. Os proxectos Terán unha duración máxima de 11 meses, rematando a súa execución antes do 30 de novembro do 2012 e podendo estar iniciado dende o 1 de xaneiro do mesmo ano.

A convocatoria enmárcanse no cumprimento do II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia o 16 de xuño de 2010, que prevé entre os seus obxectivos é o de Mellorar a axilidade e a eficacia da resposta humanitaria galega nas fases de emerxencia e reconstrución. O II Plan Director identifica tamén a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como unha prioridade sectorial dentro da cooperación para o que propón o destino dun 8% do orzamento xestionado nos catro anos de vixencia, co que a acción humanitaria pasa a ser o cuarto sector en importancia.

Igualmente, o Plan Anual 2012 da Cooperación Galega, aprobado polo Consello da Xunta en xaneiro de este ano, prevé a publicación dunha convocatoria anual, aberta e permanente, que fixe criterios claros de concesión de axuda, tendo como obxectivo estratéxico de longo alcance o de “contribuír á mellora das condicións de vida das poboacións afectadas por crises humanitarias, desastres e conflitos, garantido a preparación previa, a prevención, e os traballos de rehabilitación e reconstrución, mediante a mellora da calidade da axuda”.

Ao ser unha convocatoria de carácter permanente, a solicitude poderá presentarse ao longo do ano, a partir do día seguinte da publicación destas bases. A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.