Noticias de Cooperación Gallega
02/05/2012
Xeral

Representantes das ONGD presentan ao Director Xeral de Relacións Exteriores os resultados do estudo “A Axuda Oficial para o Desenvolvemento (AOD) en Educación en Galicia: unha análise da Cooperación Galega 2006-2010

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo mantivo hoxe unha reunión con representantes das 5 ONGD que lideran en Galicia a Campaña Mundial pola Educación: Entreculturas, Educación sen Fronteiras, Fundación Intered, Seminario Galego de Educación pola Paz, e Axuda en Acción, que lle presentaron os resultados do estudo “A Axuda Oficial para o Desenvolvemento (AOD) en Educación en Galicia: unha análise da Cooperación Galega 2006-2010”
A elaboración do estudo “A Axuda Oficial para o Desenvolvemento (AOD) en materia de Educación en Galicia: unha análise da Cooperación Galega 2006-2010” ten como finalidade coñecer a contribución da cooperación galega á realización dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) en materia de educación e achegar recomendacións para aumentar a eficacia e a calidade da axuda nese sector. Entre outras conclusións, o estudo recolle que a Xunta destina o 14% do total das axudas de cooperación para o desenvolvemento ao ámbito educativo, o que representa un volume total de fondos de máis de 7 millóns de euros en 5 anos.
O estudo presentado hoxe foi financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE no marco da convocatoria pública de subvencións para actividades de Educación para o Desenvolvemento correspondente ao ano 2011.
Esta convocatoria, que se publica anualmente desde 1996, regula a concesión de subvencións para actividades desenvolvidas dentro das catro dimensións que forman parte da educación para o desenvolvemento: a sensibilización ou concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento ou difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento; a investigación sobre o desenvolvemento e a mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.