Noticias de Cooperación Gallega
21/05/2012
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E. participa na reunión da Comisión Interritorial de Cooperación para o Desenvolvemento celebrada hoxe en Madrid.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E., Jesús Gamallo, participou esta mañá en Madrid nunha reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, en representación da C.A. de Galicia.
A Comisión Interterritorial é un órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as Administracións públicas que levan a cabo accións de cooperación ao desenvolvemento. Presidida polo Secretario Xeral de Cooperación Internacional e vicepresidente primeiro da Comisión Interterritorial de Cooperación Internacional, Gonzalo Robles, nela participan representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das CC.AA. e das Entidades locais.
O obxecto da reunión foi presentar aos representantes da citada Comisión o Plan Anual da Cooperación Internacional 2012, elaborado polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, e sometelo ao seu ditame.
No citado Plan recóllese a aposta da Cooperación Española pola coordinación e complementariedade coas distintas cooperacións descentralizadas, aproveitando as vantaxes comparativas e especialización sectorial de cada unha delas. Para asegurar a dita coordinación, na reunión da Comisión decidiuse crear un grupo de traballo do que Galicia formará parte.
Na súa intervención, Jesús Gamallo fixo unha especial mención a aqueles ámbitos e obxectivos do Plan Anual da Cooperación Internacional 2012 coincidentes cos que recolle o Plan Anual da Cooperación Galega para 2012, documento que recibiu o informe favorable, sen ningún voto en contra, dos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega e que foi aprobado polo Consello da Xunta na reunión de 19 de xaneiro. Entre eles, destacan fundamentalmente a mellora da eficacia da axuda, incorporando de forma máis efectiva os principios da Axenda de París, incidindo na busca da complementariedade nas actuacións das distintas administracións para evitar duplicidades, así como na mellora da avaliación do impacto da axuda.
A Comisión Interterritorial valorou moi positivamente a evolución da política de cooperación para o desenvolvemento levada a cabo pola Xunta de Galicia, tanto polo nivel de execución dos orzamentos destinados a dita política como polo grao de cumprimento das actuacións recollidas nos distintos Plan Anuais, o que está permitindo o mantemento do sistema galego de cooperación.