Noticias de Cooperación Gallega
22/05/2012
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibe aos novos bolseiros e bolseiras de cooperación internacional antes da súa inminente incorporación aos seus destinos en distintos países de América Latina e África.

No día de hoxe tivo lugar na sala de xuntas da sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE a xornada de presentación dos adxudicatarios das doce bolsas de formación en cooperación para o desenvolvemento, convocadas para o ano 2012.
A xornada iniciouse co saúdo do director xeral, Jesús Gamallo, aos novos bolseiros e bolseiras, aos que felicitou por superar un proceso de selección de case 200 solicitantes.
Na súa intervención, o director xeral fixo referencia á importancia da formación de persoal experto no ámbito de cooperación para o desenvolvemento, recollida no Plan director da cooperación galega 2010-2013, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia, no obxectivo de fomentar a formación nos ámbitos de cooperación para o desenvolvemento. Referiuse tamén o director xeral á utilidade deste instrumento para facilitar aos bolseiros unha experiencia para familiarizarse cos procedementos administrativos dunha estrutura gobernamental, o beneficio que supón para a Administración, por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e pola importancia de reforzar a relación entre a Xunta e outras institucións nas que se desenvolven as bolsas.
Finalmente, Jesús Gamallo sinalou que os novos bolseiros entran a formar parte da familia dos cooperantes galegos polo que lles corresponde ser embaixadores da Cooperación Galega alí onde vaian, realizando un labor solidario e achegando a súa contribución á construción dun mundo no que a xustiza e a igualdade non sexan só palabras e boas intencións e desexoulles a todas/os que a experiencia que van vivir sexa o máis satisfactoria posible, tanto no ámbito da formación como no persoal.
A xornada continuou coa participación dos responsables da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, que informaron aos bolseiros e bolseiras das tarefas que realizan os distintos servizos da subdirección xeral e dos proxectos que se están a financiar.
Os novos bolseiros incorporaranse a diferentes destinos en distintos organismos nacionais e internacionais de cooperación para desenvolvemento en países prioritarios da cooperación galega: tres deles recibirán a formación na sede da Dirección Xeral, 7 incorporaranse a distintas oficias técnicas de cooperación da AECID en Latinoamérica e África, concretamente a Nicaragua, Guatemala, O Salvador, Perú, república Dominicana, Ecuador e mais Mozambique, e outros dous aos organismos multilaterais de nacións unidas FAO, na súa representación en Bolivia e ONU Mulleres, na sede de Ecuador. Iniciarán a súa formación o 1 de xuño, durante 11 meses, ata o 30 de abril de 2013.
A xornada de presentación dos bolseiros continuará o vindeiro venres cunha vista a sede da AECID en Madrid.