O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE reúnese con técnicos acuícolas mozambicanos
O Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo hoxe unha xuntanza con catro técnicos acuícolas procedentes de Mozambique que se atopan en Galicia realizando un curso de formación en manexo de cultivos mariños. Dito obradoiro formativo, organizado pola Fundación CETMAR, estase a desenvolver no Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa dende o pasado 4 de xuño e ata o vindeiro 30 de xuño.
Esta aposta pola formación acuícola do persoal mozambicano é unha das actividades previstas no Convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fundación CETMAR para o financiamento do proxecto “Reforzo das capacidades técnicas de formación en acuicultura técnica a pequena escala en Mozambique”.
Para a execución das accións recollidas no proxecto, o CETMAR conta como contraparte local co Instituto Nacional de Desenvolvemento de Aquicultura (INAQUA), entidade dependente do Ministerio de pesca mozambicano. Tres dos técnicos que están a realizar o curso traballan neste organismo e o cuarto pertence á Escola de Pesca do país surafricano.
O proxecto pretende contribuír ao obxectivo de mellorar o nivel de formación en acuicultura a pequena escala en Mozambique; para iso, este proxecto concreta as súas metas no reforzo e fortalecemento das capacidades técnicas do persoal mozambicano co fin de que impulse un programa de formación de formadores que se impartirá no INAQUA en Mozambique. Así, o persoal seleccionado está a recibir en Galicia unha formación especializada sobre acuicultura a pequena escala que será socializada no seu país de orixe.
O importe total do proxecto é de 42.500€, dos que a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE achega 41.000€ e o CETMAR 1.500€.
A Xunta ven apoiando dende 2008 actuacións en materia de cooperación pesqueira e acuícola en Mozambique, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar e en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Fundación CETMAR. O II Plan director da Cooperación Galega recolle á pesca e acuicultura como ámbitos nos que se dan as mellores condicións para que Galicia realice una cooperación transformadora.