A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha nova resposta de emerxencia en Malí ante a situación de crise humanitaria no Sáhel Africano
A Xunta de Galicia activou unha resposta de emerxencia ante a crise alimentaria desatada no Sahel, poñendo en marcha un operativo de emerxencia para garantir a seguridade alimentaria e a prevención de malaria, en base a un convenio asinado coa ONGD Farmamundi, despois de que no pasado mes de febreiro a Oficina das Nacións Unidas para Asuntos Humanitarios (OCHA) alertara sobre unha nova crise alimentaria na rexión.
A situación de crise alimentaria que sofre a zona do Sáhel vese fortemente agravada en Malí con motivo da situación de inestabilidade político-militar sufrida nos últimos meses que está a ocasionar un éxodo sen precedentes da poboación do norte cara o as zonas do sur do país (Mopti, Ségou e Bamako). Segundo datos da OCHA do pasado 5 de xuño, o número o número de desprazados e desprazadas dentro das fronteiras do país alcanza a cifra de 167.257 persoas. Esta situación complica enormemente o acceso aos alimentos das persoas desprazadas provocando un rápido deterioro da situación sanitaria da poboación que se verá agravada coa chegada do período de chuvias.
Atendendo ao chamamento de axuda internacional, a través da resposta planificada dende a Xunta de Galicia en coordinación con Farmamundi, preténdese garantir a seguridade alimentaria e a prevención da malaria a 300 persoas (115 mulleres, 83 homes e 102 nenos e nenas) a través da adquisición e distribución, no mercado local, de 18.000 quilos de cereal, produtos antipalúdicos e mosquiteiros impregnados. A duración da intervención será de tres meses (tempo que dura o período entre colleitas).
A traxectoria acumulada de Farmamundi en Malí dende o ano 1994, permitiulle a esta entidade o desenvolvemento de sinerxías e alianzas estables con socios locais que traballan no ámbito da saúde mediante o acceso á auga e saneamento, dende unha perspectiva dirixida a garantir a seguridade alimentaria.