A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha nova resposta de emerxencia en Siria ante o endurecemento do conflito bélico
Os informes máis recentes das axencias das Nacións Unidas alertan das graves consecuencias do conflito armado a curto e medio prazo para a poboación civil siria no referente á súa seguridade alimentaria e no acceso a auga potable. As altas temperaturas desta época do ano oscilan entre os 37 e 40 graos centígrados, polo que, de producirse esta situación provocará importantes repercusións na saúde e condicións hixiénicas da poboación. Neste contexto, a Xunta de Galicia vén de activar unha resposta de acción humanitaria poñendo en marcha un operativo de emerxencia para abastecer de alimento e leite a 650 familias desprazadas no campamento de Al Yarmouk, en Damasco.
A través da resposta planificada dende a Xunta de Galicia en coordinación con Farmamundi, a acción impulsada permitirá a compra e distribución de alimentos entre a poboación a través dunha cesta de alimentos, así como a adquisición e reparto de leite para 350 bebés. A contraparte local de Farmamundi en terreo, Jafra, será a encargada da execución do proxecto que, xunto con outras seis entidades, conforman a coalición de organizacións humanitarias encargadas da asistencia á poboación do campamento de Al Yarmouk.
Situación de emerxencia
Os combates na capital siria provocaron o desprazamento da poboación cara zonas consideradas máis seguras, tratando de buscar aloxamento en casas de familiares e persoas coñecidas. Segundo datos do ACNUR (Axencia da ONU para os refuxiados e refuxiadas) estímase que máis de 235.500 persoas buscaron refuxio en Xordania, no Líbano, en Iraq, Turquía e Arxelia.
Despois de meses de negociacións, o goberno sirio permitiu no mes de xuño a intervención de axencias de Nacións Unidas, ONG internacionais e organizacións comunitarias en terreo. Porén, persisten as dificultades para realizar a distribución da axuda humanitaria entre a poboación civil. Os problemas de seguridade e o bloqueo de certas localidades dificultan o traballo do persoal das axencias humanitarias.
O incremento do ritmo da guerra nas últimas semanas está causando segundos e terceiros desprazamentos da poboación civil. Tal e como asegura Farmamundi, o traslado do conflito á capital do país fai insostible a situación, posto que Damasco está a ser o epicentro dos bombardeos e a poboación non ten asegurada as condicións básicas (alimentación, auga e electricidade). As tendas corren o risco de quedar desabastecidas polos cortes do subministro eléctrico e illadas polo bloqueo dos transportes e das comunicacións.
O campamento de Al Yarmouk
O campamento de Al Yarmouk alberga na actualidade a un millón de persoas, moitas delas sen recursos familiares que poidan brindarlles aloxamento. O traslado do conflito á capital do país provocou que Al Yarmouk fose un dos campos que recibiu un maior número de poboación desprazada, converténdoo en obxectivo das forzas gobernamentais.