O mundo da cooperación celebra a sexta edición do Día das Persoas Cooperantes
No ano 2006, coincidindo coa aprobación polo Consello de Ministros do Estatuto do Cooperante, estableceuse en España o 8 de setembro como día especialmente dedicado ao colectivo de traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor profesional no exterior, en colaboración coa poboación dos países beneficiarios da política de axuda para o desenvolvemento. Trátase dunha data que coincide coa sinatura, no ano 2000, da Declaración do Milenio, nun compromiso histórico de traballo conxunto para erradicar a pobreza extrema no mundo.
Desde a Xunta de Galicia quérese recoñecer o labor diario deste colectivo, que desenvolve en moitas ocasións un traballo silencioso e pouco visible, pero imprescindible para levar a cabo intervencións sustentables e de calidade nos proxectos de desenvolvemento e nas crises humanitarias que se viven na actualidade (como é o caso da guerra de Siria ou a crise alimentaria do Sáhel africano).
Dado o agravamento nos últimos anos da situación das persoas cooperantes que traballan en zonas especialmente conflitivas (a día de hoxe son dúas as persoas cooperantes secuestradas en Somalia), un dos principais retos da Administración é garantir que estes profesionais realicen as súas actividades nas mellores condicións posibles e que se respecten os seus dereitos, tendo en conta a especialidade dos lugares onde desenvolven o seu traballo. Coa aprobación no ano 2006 do Estatuto do Cooperante estableceuse un marco normativo que dignifica o traballo deste colectivo.
As cifras en Galicia
Segundo datos do Rexistro de Cooperantes Galegos no Exterior realizado no ano 2010, son máis de 100 os galegos e galegas cooperantes no exterior. A meirande parte destes profesionais desenvolven o seu labor en América Latina, tradicional destino da axuda galega, aínda que se observa tamén unha presenza importante en África e Asia.
Cómpre destacar tamén que, segundo datos do mesmo rexistro, máis do 50% destas persoas cooperantes traballa ao servizo das ONGD, principais axentes da cooperación para o desenvolvemento. Ao igual que acontece en todo o sector, o perfil das persoas cooperantes é maioritariamente feminino, representando as mulleres máis do 60% do total dos cooperantes galegos no exterior.
O mundo da cooperación para o desenvolvemento
Resulta imprescindible salientar que o importante labor que están a desenvolver as persoas cooperantes non sería posible de non ser pola importante estrutura na que se sustenta o sector da cooperación para o desenvolvemento, formada polo persoal que traballa desde España, polas socias locais que executan os proxectos en terreo e, sobre todo, polo persoal voluntario de cooperación para o desenvolvemento, que tanto aquí como nos países destinatarios da axuda contribúen a construír e difundir o discurso da solidariedade internacional.
Principais diferenzas entre persoa cooperante e voluntaria de cooperación para o desenvolvemento
Cooperante: As persoas cooperantes son profesionais que participan en terreo na xestión e seguimento dos proxectos de cooperación internacional ou acción humanitaria. Polo tanto, as persoas cooperantes dedícanse á cooperación para o desenvolvemento de forma profesional, continuada e exclusiva.
Voluntariado de cooperación para o desenvolvemento: Está formado por persoas que participan de maneira activa e altruísta nas campañas e labores de Educación para o Desenvolvemento levadas a cabo pola ONGD en España; e no seguimento ou colaboración nos proxectos que a entidade está a desenvolver, tanto en España como a nivel internacional. A súa colaboración vai depender dos seus intereses, motivacións e dispoñibilidade. Segundo datos da Coordinadora Galega de ONGD, en Galicia hai máis de 1.600 persoas voluntarias de cooperación para o desenvolvemento que participan nas 47 entidades que integran a Coordinadora.