A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha intervención de emerxencia para a prevención da epidemia do dengue en O Salvador
O pasado 4 de outubro, o goberno salvadoreño decretou o Estado de alerta nacional de carácter indefinido con motivo das alarmantes estadísticas epidemolóxicas relacionadas co dengue no país. Con motivo desta situación, a Xunta de Galicia acaba de activar unha resposta de acción humanitaria a través da que se pon en marcha un operativo de fumigación, campañas educativas e de sensibilización medioambiental para a prevención da enfermidade.
O factor de risco máis importante para a transmisión do dengue no Salvador continúa a ser a presenza do vector Aedes aegipty, o mosquito transmisor desta enfermidade que afecta considerablemente ás nenas, nenos e á poboación moza; e que se complica no país salvadoreño debido ás deficientes condicións de saneamento básico e hixiene, e ás súas precarias condicións de habitabilidade.
A intervención de emerxencia
A resposta planificada da Xunta en coordinación con Farmamundi, localízase na zona central do país, no municipio de El Carmen, departamento de Cuscatlán, e ten como obxectivo traballar con 1000 familias dos sete cantóns que conforman o municipio. Ademais de participar nas actividades de fumigación, educación para a saúde e sensibilización ambiental; estas familias tamén se beneficiarán da creación de once Comisións Comunais de Protección Civil de Villa El Carmen.
A organización encargada de executar este proxecto será a Asociación Salvadoreña Promotora da Saúde (ASPS) socia en terreo de Farmamundi. Trátase dunha entidade cunha dilatada experiencia en materia de saúde no país que traballa por contribuír á mellora das condicións sanitarias e a impulsar cambios no Sistema Nacional de Saúde.
Epidemia 2012
Debido ás elevadas cifras de falecementos e contaxios (superiores aos da epidemia do ano 2010), o pasado 17 de agosto declarouse a alerta nacional por parte das autoridades de Saúde e Protección Civil ata o 30 de setembro do mesmo ano. As xornadas contra o Dengue que se celebraron evidenciaron a posibilidade de incremento de casos de contaxio ao non ter desenvolvido os esforzos precisos para romper a cadea de contaxio. O 4 de outubro decretouse o estado de alerta de carácter indefinido.