A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha nova intervención de emerxencia para a prevención de epidemias na República Dominicana con motivo da Tormenta Sandy
Os estragos provocados pola Tormenta Sandy durante o seu paso polo Caribe fixeron necesaria a activación dunha resposta de emerxencia en República Dominicana destinada a paliar as consecuencias deste desastre natural. Así, a Xunta de Galicia a través da ONGD Farmamundi, levarán a cabo un proxecto de acción humanitaria destinado a ofrecer atención médica móbil e a traballar o saneamento ambiental e a potabilización da auga.
A pesar de ser República Dominicana un país cun desenvolvemento humano medio, segundo establece o último informe do PNUD, o seu desigual reparto de riqueza provoca que a poboación máis empobrecida sexa especialmente vulnerable a calquera tipo de catástrofe. Neste sentido, o paso da tormenta Isaac a finais do pasado mes de agosto evidenciou que existe unha falla de medios para asistir á poboación afectada, un factor que está a impedir a rehabilitación das súas condicións de vida. Esta carencia está a provocar unha situación de enorme vulnerabilidade ao ter que facer fronte na actualidade á tormenta Sandy, cuxas consecuencias a día 29 de outubro cifrábanse en 10.139 persoas desprazadas, das cales 2.819 se atopaban albergadas en refuxios oficiais.
A intervención de emerxencia
A falla de auga potable que está sufrindo a poboación dominicana sumada á acumulación de lixo e á existencia de augas estancadas, están a favorecer a propagación de pragas de mosquitos, insectos e roedores. Trátase dun contexto moi propicio para a transmisión de enfermidades, sendo especialmente preocupantes pola súa gravidade o dengue e o cólera.
A resposta planificada da Xunta en coordinación con Farmamundi, está localizada nas comunidades de La Barquita e La Palma, dúas das máis afectadas polo paso das recentes tormentas, ambas pertencentes ao Municipio de Santo Domingo Leste. O proxecto, que contempla atención médica, saneamento ambiental e potabilización da auga, beneficiará a 650 familias e será executado por COSALUP, a socia en República Dominicana de Farmamundi.