O impacto da Tormenta Sandy en Haití activa unha nova resposta de emerxencia desde a Xunta de Galicia en colaboración con Farmamundi
Con motivo das intensas chuvias que se viviron na zona do Caribe ante o paso da Tormenta Sandy, o goberno de Haití decretou o estado de emerxencia o pasado 30 de outubro. Para dar resposta a este chamamento internacional, a Xunta de Galicia activou unha nova resposta de acción humanitaria a través do convenio de colaboración asinado con Farmamundi, co fin de realizar o envío dun kit para mellorar a atención obstétrica dos servizos sanitarios do país.
Contexto
A pesar de que Haití non se atopaba directamente na traxectoria do Furacán Sandy, a tormenta desencadeou intensas chuvias e fortes inundacións en seis departamentos do país haitiano, o que provocou unha situación imposible de afrontar por parte das autoridades nacionais. Na actualidade, o nivel da auga está en descenso; porén, un importante número de zonas permanecen illadas debido ao dano sufrido na rede de estradas e pontes do país.
O impacto do furacán aumentou o número de necesidades de carácter humanitario no país, agravando de xeito crítico as demandas xa existentes. Preto dun millón e medio de persoas residentes nas áreas rurais haitianas están a padecer unha severa inseguridade alimentaria debido á perda das colleitas e á destrución do terreo cultivable, xa danado polo impacto da Tormenta Tropical Isaac no pasado mes de agosto. Máis de 450.000 persoas, incluíndo 4.000 nenos e nenas de menos de cinco anos de idade, se atopan en risco de sufrir malnutrición aguda debido a esta situación de ameaza alimentaria nacional.
Centos de edificios públicos e determinadas instalacións, como hospitais, escolas ou centros de atención do cólera, se viron gravemente afectados ou foron directamente destruídos polas difíciles condicións climatolóxicas sufridas ao longo do pasado mes.
A resposta humanitaria
As autoridades haitianas xunto cos actores humanitarios internacionais actuaron con rapidez para atender as necesidades identificadas. A día de hoxe, leváronse a cabo avaliacións dos danos en todas as comunidades e departamentos afectados; e foron repartidos entre a poboación beneficiaria colchóns, sacos de durmir, kits de hixiene e de alimentación básica. A Xunta de Galicia colabora nesta resposta a través do envío dun kit sanitario para a mellora da atención obstétrica que permitirá atender preto de 100 partos.