Oferta de emprego para a contratación dunha persoa responsable do proxecto “Parcería para o apoio técnico á consolidación da Administración Rexional de Augas do Norte en Mozambique”
O obxecto do proceso de selección aberto por Augas de Galicia é a contratación dunha persoa en posesión dunha titulación superior mediante un contrato temporal por obra ou servizo para o proxecto “Parcería para o apoio técnico á consolidación da Administración Rexional de Augas do Norte en Mozambique”, intervención cofinanciada mediante convenio coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
Este convenio de tres anos (2012, 2013, 2014) pretende mellorar de xeito medible a realización das atribucións e competencias do ARA Norte, establecidas no seu estatuto orgánico, para o cumprimento do seu obxectivo de protección, desenvolvemento e xestión integrada e participativa dos recursos hídricos.
O contrato que se formalice terá unha duración de 24 meses, prorrogables a 6 meses máis en caso de ser preciso para unha axeitada execución do proxecto. As bases da convocatoria e os impresos de solicitude están dispoñibles na páxina web de Augas de Galicia http://augasdegalicia.xunta.es/. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio.