Noticias de Cooperación Gallega
24/01/2013
Xeral

Reunión da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperación para o desenvolvemento

Á reunión da Comisión, que foi creada no ano 2010 tras a modificación do Regulamento interno do CONGACODE, asistiron o director xeral de RREE e coa UE, Jesús Gamallo, na súa calidade de presidente do CONGACODE, Gema Filgueira, (presidenta da Coordinadora Galega de ONGD), Teresa París (presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade), Irene Rodríguez Manzano (experta independente do CONGACODE) e Pilar Romero, subdirectora xeral de Cooperación Exterior e secretaria da Comisión.

O obxecto fundamental da reunión de hoxe foi darlles conta aos representantes dos principais axentes de cooperación da execución do Plan Anual 2012 da Cooperación Galega, así como presentarlles a proposta de liñas de actuación da Xunta de Galicia para o ano 2013 no ámbito da cooperación exterior que servirán de base para a redacción do Plan Anual 2013, que será presentado para a súa aprobación polo Pleno do Consello Galego de Cooperación na reunión prevista para o vindeiro mes de febreiro.

Polo que respecta ao Plan Anual 2012, o director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, destacou o elevado grao de execución do mesmo dado que practicamente todas as actuación nominativas nel previstas foron levadas a cabo (un 97% do orzamento inicial so 2012 foi executado e pagado dentro do exercicio).

Sobre o orzamento para Cooperación Exterior previsto para o 2013, Jesús Gamallo fixo fincapé nas fortalezas, argumentando que, se ben sofre unha redución significativa respecto ó de ano 2012, vai permitir manter viva a política galega de cooperación.