O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento aproba o Plan Anual 2013 da Cooperación Galega.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, onde se aprobou por maioría absoluta o Plan Anual 2013 de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta, que conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros.
O Plan Anual 2013 da Cooperación Galega enmárcase no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, e recolle as actuacións que se teñen previsto levar a cabo en materia de cooperación cos recursos destinados para ese ámbito nos Orzamentos da Xunta para 2013. Ten como obxectivo mellorar a eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, dunha maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións, dunha orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade Autónoma e dunha aposta por un maior impacto das intervencións.
O director xeral sinalou que co orzamento previsto se cumprirán todos aqueles compromisos adquiridos no exercicio anterior, manténdose o financiamento de 42 proxectos iniciados no ano 2012, e realizaranse novas actuacións co fin de avanzar no cumprimento dos obxectivos contemplados no II Plan Director da Cooperación Galega no seu último ano de vixencia.
Concretamente, avanzou a próxima publicación, a petición da Coordinadora Galega de ONGD, dunha nova convocatoria pública de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento, e o mantemento dunha liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia que garanta que no ano 2013 a Xunta poida responder cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria. Así mesmo, informou ao Consello de que no segundo semestre do ano iniciarase a elaboración do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, nun proceso que será o máis participativo posible.
Por outra banda, o director xeral presentou tamén os resultados da execución do Plan Anual 2012, no que se recollen as actuacións realizadas durante ese ano no que a cooperación galega executou un orzamento de mais de seis millóns de euros. Destacou que o grao de execución dos fondos do Programa de Cooperación Exterior foi dun 97% do total orzamentado inicialmente, sendo realizados todos os pagos antes de rematar o 2012.