Noticias de Cooperación Gallega
26/03/2013
Xeral

O proxecto de Educación de Solidariedade Internacional completou a súa última etapa coa visita a Galicia de tres mozos nicaraguanos

A través do proxecto de Educación para o Desenvolvemento “O Tesouro de Acahualinca”, Solidariedade Internacional de Galicia conseguiu visibilizar as distintas accións de Cooperación para o Desenvolvemento que se están a realizar no barrio nicaraguano de Acahulainca, onde se sitúa o vertedoiro máis grande de Centroamérica e no que se centraron moitos esforzos da cooperación española e galega para mellorar a calidade de vida da poboación da zona.

A través dun traballo continuado con quince centros educativos da comunidade galega, o colofón final do proceso chegou a pasada semana coa visita de Paola, Yelda e Juan, tres nicaraguanos residentes en Acahualinca que fixeron unha ruta polos distintos centros educativos para narrar a súa historia. A partir desta experiencia intentouse expor o ritmo de vida da mocidade nicaraguana, reforzando a idea de que as inquedanzas da xuventude son as mesmas tanto no Norte coma no Sur, pois só cambia o xeito de levalas a cabo debido ao contexto que rodea a eses mozos e mozas.

O pasado martes día 19 de marzo, os tres protagonistas do proxecto estiveron reunidos con Pilar Romero, Subdirectora de Cooperación Exterior, e Pilar García Quince, Xefa de Servizo de Fomento da Cooperación para o Desenvolvemento. Os mozos nicaraguanos estiveron acompañados de María Paz Gutiérrez, directora de Solidariedade Internacional Galicia, quen presentou os obxectivos do proxecto e os logros acadados co mesmo.