O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración co CETMAR para o apoio á pesca artesanal en Centro América.
O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración para levar a cabo un proxecto de cooperación en materia pesqueira e acuícola na rexión centroamericana, que engloba a Belice, Costa Rica, Honduras, Guatemala, Nicaragua, O Salvador e Panamá. O proxecto conta cun orzamento de case 190.000 euros.
Dende o ano 2006, a Fundación CETMAR e a Vicepresidencia da Xunta están apoiando as diferentes fases do denominado Programa de Formación Profesional en Pesca Artesanal y Acuicultura en Centroamérica- PROFOPAC, que foi elaborado co fin de promover a profesionalización dos pescadores artesanais cetroamericanosa través da capacitación e asesoramento das comunidades, incidindo en aspectos de carácter técnico, produtivo, empresarial e organizacional.
O proxecto ten como obxectivo xeral contribuír ao desenvolvemento social e económico sostible e á seguridade alimentaria da rexión centroamericana a través da profesionalización dos recursos humanos vinculados ao sector da pesca e da acuicultura de pequena escala; e como obxectivo específico o de fortalecer as capacidades rexionais de desenvolvemento produtivo a través da formación profesional no marco do proceso de profesionalización do sector.
Con este proxecto preténdese que os pescadores de pequena escala e acuicultores teñan acceso a unha oferta formativa de calidade que abarque toda a súa su vida produtiva, a través de actividades tales como a elaboración do Módulo Rexional de Produción para pequenos e medianos acuicultores, o desenvolvemento dun Curso de Formador de Formadores e dun Curso Rexional de Produción para pequenos e medianos acuicultores, a actualización e edición de materiais didácticos e curriculares, e a capacitación en comunidades de pescadores artesanais en temas de produción de alimentos, conservación e transformación, no marco da estratexia de seguridade alimentaria rexional.
O programa estase implementando en toda a rexión centroamericana (Belice, Costa Rica, Honduras, Guatemala, Nicaragua, O Salvador e Panamá), e para a execución deste programa a Fundación CETMAR conta, como contraparte o socio local, coa Oficina de Pesca do Sistema de Integración Centroamericano, OSPESCA.
O presente acordo enmárcase no II Plan Director da Cooperación Galega e ao Plan Anual 2013, que foi aprobado polo Parlamento de Galicia o 16 de xuño de 2010, e que establece como un dos seus obxectivos específicos o de fomentar proxectos de desenvolvemento pesqueiro e acuícola de base social e ambientalmente sostible.
Asemade, o Plan Anual 2013, aprobado polo Consello da Xunta o 27 de marzo de 2013, sinala a necesidade de potenciar a coordinación de actuacións entre os distintos departamentos da Xunta, recolle a importancia e o valor engadido da cooperación galega no sector pesqueiro e acuícola e, entre as novas actuacións, destaca á sinatura do presente convenio.