Publicada a orde de convocatoria de subvencións para actividades de educación para o desenvolvemento.
Esta convocatoria enmárcanse no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no Plan Director, o goberno galego aposta por unha cooperación máis selectiva que redunde nunha maior visibilidade da Cooperación Galega, así como pola educación para o desenvolvemento da sociedade galega.
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para actividades de educación para o desenvolvemento realizadas polas ONGD, cunha dotación de 500.000 € (200.000 no 2013 e 300.000 no 2014).
A convocatoria de subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento ven publicándose dende o ano 1996. Con esta convocatoria, a Xunta de Galicia promove a concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza, a formación sobre o desenvolvemento, a investigación sobre o desenvolvemento e a mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento poderán presentar a esta convocatoria un máximo de dous proxectos. Financiarase a cada entidade un único proxecto individual ou dous sempre que, polo menos, un deles sexa en agrupación. Ademais, permitirase a presentación dun terceiro proxecto en agrupación que poderá ser financiado cando se trate dun proxecto de investigación para o desenvolvemento e que inclúa na agrupación un Departamento das Universidades do Sistema universitario de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 10 de xullo de 2013.