Noticias de Cooperación Gallega
14/06/2013
Xeral

A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha resposta de emerxencia para a prevención da epidemia de polio en Dadaab, Kenya

Con data 30 de maio de 2013 a Organización Mundial da Saúde (OMS) e UNICEF, a través da “Polio Global Erradication Initiative” alertaron sobre o brote de polio desatado na Rexión do Corno de África. Os países onde se teñen rexistrado maior número de casos son Somalia e Kenya,.
A polio, tamén chamada poliomielite ou parálise infantil, é unha enfermidade causada por unha infección viral aguda, que afecta normalmente ao sistema nervioso, especialmente entre nenos e nenas menores de 10 anos. É unha enfermidade de propagación rápida mediante o contacto directo persoa a persoa, a través de secrecións respiratorias e pola ruta fecal oral.
A polio pode ser combatida con vacinación, a pesar do cal, causa mundialmente ao redor de dous millóns de mortes ao ano entre os menores de 5 anos, ademais de milleiros de damnificados con parálises cerebrais, atrofia muscular, xordeira, cegueira…
A intervención de emerxencia
Os primeiros casos de polio teñen sido detectados en Kenya, concretamente en Dadaab, ao noreste do país, na fronteira con Somalia. A poboación de Dadaab, onde se atopan algún dos campos de refuxiados mais grandes e antigos do mundo, vive en condicións de precariedade absoluta, sen acceso a auga potable, cun limitado saneamento ambiental, elevadas temperaturas e fortes chuvias, condicións óptimas para a reprodución de axentes infecciosos. A esta situación hai que engadir as elevadas taxas de desnutrición infantil e a debilidade dos servizos médicos.
A reposta planificada da Xunta en coordinación con Farmamundi e o seu socio local no terreo HESED- África, previa solicitude de apoio do Ministerio de Saúde keniata, localizarase nos asentamentos de Mathamarup, Dadbilal, Farjin, Harbole, Dhasey I e II. A intervención centrarase en ampliar a cobertura das inmunizacións e vacinacións de 1.430 nenos e nenas menores de 5 anos, a través da posta en marcha de tres dispositivos móbiles, que incluirán tamén a atención médica de embarazadas e a sensibilización e promoción da saúde.