Noticias de Cooperación Gallega
22/07/2013
Xeral

A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha resposta de emerxencia para o combate da malnutrición aguda materno infantil entre a poboación desprazada nos campos de Goma, Kivu Norte, República Democrática do Congo (RDC)

Con data do 15 de xullo de 2013 a Oficina de Nacións Unidas para Asuntos Humanitarios (OCHA) emitiu unha comunicación sobre o recrudecemento dos enfrontamentos entre as Forzas Armadas Congolesas e o grupo rebelde M23 na periferia de Goma, facendo un chamamento internacional de axuda ante o aumento da taxa de malnutrición aguda entre a poboación desprazada pola violencia.
Dende o xurdimento do Movemento 23 (M23), formado por combatentes do antigo CNDP, en abril do 2012, tense agravado o conflito na RDC, principalmente na rexión do Kivu Norte. En novembro do 2012 o M23 tomou a cidade de Goma e en maio do 2013 producíronse fortes enfrontamentos que nestes momentos teñen lugar no eixo Goma - Sake.
Os actuais enfrontamentos teñen ocasionado un novo desprazamento da poboación cara aos campos de refuxiados existentes na zona, ademais de ter impedido o retorno das persoas desprazadas en maio, polo que se espera que non se cumpra co ciclo de colleitas xa que estas non poderán ser recollidas, o que agravará a inseguridade alimentaria da poboación.
Neste contexto o Programa Mundial de Alimentos (PMA ou WFP nas súas siglas en inglés) a Oficina de Nacións Unidas para Asuntos Humanitarios (OCHA) e a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) teñen establecido unha coordinación, a través do clúster de saúde do que Farmamundi forma parte, da que xorde a actual resposta.
A intervención de emerxencia
Ante o empeoramento do conflito nos últimos meses na RDC e o aumento do desprazamento interno de moitas familias, tense complicado o acceso aos alimentos e producido un rápido deterioro da situación da saúde da poboación.
Atendendo ao chamamento de axuda internacional, coa resposta planificada dende a Xunta de Galicia en coordinación con Farmamundi, preténdese garantir a atención e o tratamento médico a 1000 nenas e nenos menores de 5 anos e a madres xestantes durante tres meses, a través do aprovisionamento de 4 centros de saúde con medicamentos esenciais para combater a desnutrición aguda.