Sinatura dun convenio coa SOGAPS, para a realización do proxecto “Prestación de axuda sanitaria e alimentaria á poboación de Wilaya de Ausserd, con especial atención a nenos e nenas, mulleres e persoas maiores.
A consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), co obxectivo de mellorar as condicións de vida de 3.000 nenos e nenas e da poboación refuxiada saharauí da Wilaya de Ausserd.
A Xunta de Galicia aportou este ano un total de 10.000 euros á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Con esta axuda, tentarase, entre outras accións, mellorar a alimentación especialmente de nenos, anciáns e embarazadas a través da entrega directa de leite; sensibilizar á poboación en xeral sobre hixiene e hábitos de vida saudables a través de xornadas orientativas e brindar unha atención sanitaria de calidade, a través da comisión médica desprazada.
Dende o ano 2006, a Xunta, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, vén colaborando coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí con máis de 285.000 euros, destinados a plans de cooperación ao desenvolvemento e de acción humanitaria.
A colaboración entre ambas entidades enmárcase dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2010- 2013. O dito plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, sendo importante destacar que a poboación saharauí figura como prioritaria para a atención da Cooperación Galega.
Así mesmo, a Lei 3/2003 de 19 de xuño de Cooperación para o Desenvolvemento recolle no seu artigo 12 á axuda humanitaria e de emerxencia como un dos instrumentos de cooperación. Ademais, no artigo 8 da citada Lei, recoñécese coma prioridade sectorial a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados, entre outros.