Noticias de Cooperación Gallega
04/10/2013
Xeral

Reunión da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode).

Esta mañá tivo lugar na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE unha reunión da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) coa que se iniciou formalmente o proceso de elaboración do III Plan Director da Cooperación Galega.
Á reunión da Comisión, que foi creada no ano 2010 tras a modificación do regulamento interno do Congacode, asistiron o director xeral de RREE e coa UE, Jesús Gamallo, na súa calidade de presidente do Congacode, Gema Filgueira e María Paz (por parte da Coordinadora Galega de ONGD), Teresa París (presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade) e Pilar Romero, subdirectora xeral de Cooperación Exterior e secretaria da Comisión.
O obxecto fundamental da reunión de hoxe foi o de presentar aos representantes dos principais axentes de cooperación o Plan de Traballo para a elaboración do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. Gamallo informou que para a elaboración do devandito documento contarase coa participación de todos os axentes galegos de cooperación co ánimo de que a proposta final conte co maior consenso posible, do mesmo xeito que hai catro anos.
O proceso de planificación desenvolverase entre os meses de outubro e decembro de 2013. O novo Plan Director terá un carácter máis estratéxico e buscará a posta en valor dos aspectos cualitativos da Cooperación Galega.
Así mesmo, o director xeral informou aos representantes dos axentes sobre o estado da execución do Plan Anual 2013 da Cooperación Galega, sobre o que Gamallo destacou o elevado grao de execución do mesmo dado que todas as actuación nominativas previstas foron levadas a cabo (o 100% do orzamento inicial para este ano xa está executado).