Noticias de Cooperación Gallega
07/10/2013
Xeral

A Xunta de Galicia e Farmamundi activan unha resposta de emerxencia para mellorar as condicións de vida das persoas desplazadas polos conflictos en Sirie e Malí

O conflito desatado en Siria ten ocasionado unha das maiores crises de refuxiados e desprazados da historia, especialmente no que ao desprazamento de poboación infantil se refire. Segundo os datos da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR, existen 1,5 millóns de persoas desprazadas internas, e ao redor de, 2 millóns de persoas refuxiadas, a maioría no Líbano (36%), Xordania (26%) e Turquía (23%). A poboación que conta con menores recursos económicos se atopa entre aquela que non ten a oportunidade de saír do país.

Dende o inicio do conflito os campos para poboación refuxiada e desprazada foron considerados lugares de maior seguridade para a poboación civil. Desta forma, as instalacións dos campos que foron deseñadas para albergar poboación palestina en Siria (que era o país que acollía o maior número dela) serviron para acoller unha parte importante da poboación civil, a medida que os enfrontamentos se estenderon aos diferentes barrios e cidades.

Sen embargo, estes campos deixaron de ser lugares seguros para converterse en obxectivos do conflito, padecendo bloqueo das entradas e saídas, bombardeos e violentos enfrontamentos. Como exemplo, o campo de Al Yarmouk chegou a acoller a máis dun millón de persoas durante o verán de 2012, mentres que na actualidade quedan unhas 70.000.

Se ben parte da poboación civil se atopa nalgúns dos campos, proliferan outro tipo de asentamentos organizados ao redor de escolas, mezquitas, sótanos, etc. Así, a situación humanitaria deteriorase progresivamente, as infraestruturas básicas atópanse gravemente afectadas, os cortes de electricidade superan as 20 horas diarias, é imposible acceder a calquera tipo de combustible, os alimentos básicos escasean, os prezos continúan aumentando… Como consecuencia desta situación, a maior parte da poboación non ten asegurado o acceso a bens e servizos básicos.

Pola súa banda, o conflito desatado no norte de Malí nos primeiros meses do ano provocou o desprazamento interno dunhas 350.000 persoas e a ocupación temporal de varias localidades por parte dos grupos armados.

Durante a ocupación, os grupos rebeldes instaláronse nos centros de saúde provocando o desprazamento de todo o persoal sanitario, causando a destrución de boa parte das infraestruturas (portas de acceso, paneis solares, etc.), o saqueo de materiais e equipos sanitarios, incluído o stock de medicamentos. Igualmente, as farmacias foron arrasadas, polo que o acceso a medicamentos quedou colapsado.

Recentemente o persoal de saúde reincorporouse aos centros de saúde de referencia, xa que a situación de seguridade ten sido estabilizada e os equipos de traballo, locais e internacionais, teñen retomado as súas actividades.

Aínda así Farmamundi, AECID e UNICEF, nunha visita conxunta á rexión, teñen constatado que persisten graves problemas para retomar a asistencia médica, xa que, ademais das perdas en infraestruturas sanitarias, os stocks de medicamentos non foron repostos.

Desta forma, o desabastecemento de medicamentos vén agudizar a insuficiente cobertura dos centros de saúde, persistindo un elevado número de persoas que seguen sen acceso a tratamento médico. No caso da saúde materna, a falta de recursos para a atención profesional durante o parto contribúe a aumentar a vulnerabilidade á que se enfrontan as mulleres xestantes, xunto ao incremento das taxas de malnutrición e desnutrición aguda e crónica.

A intervención de emerxencia
Atendendo aos continuos chamamentos internacionais de axuda, a Xunta de Galicia en coordinación con Farmamundi, ten prevista en Siria a atención das necesidades básicas dunhas 3.900 persoas desprazadas en Homs e Damasco, mediante a provisión de alimentos e mantas, fundamentalmente.

En Malí, a resposta da Xunta de Galicia en coordinación con Farmamundi e AECID, pretende asegurar un stock de medicamentos mínimo para 4 centros de saúde da rexión de Segou, ademais de reforzar os insumos sanitarios para a atención de partos en condicións de seguridade. O subministro de medicamentos beneficiará a unhas 1.500 persoas.