Hoxe conmemorase o día mundial da erradicación da pobreza.
O Día Internacional para a Erradicación da Pobreza vense celebrando desde 1993, ano no que foi instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co propósito de promover unha maior conciencia sobre as necesidades para erradicar a pobreza e a indixencia en todos os países, en particular nos países en desenvolvemento.
Na Cume do Milenio do ano 2000, os xefes de estado e de goberno, comprometéronse a reducir á metade, ata o ano 2015, a porcentaxe das persoas que viven en situación de pobreza. Trece anos despois, aínda que os esforzos teñen sido moitos, estamos lonxe de acadar os resultados previstos. Desde a Xunta de Galicia queremos poñer en valor a necesidade dunha alianza mundial na loita contra a pobreza, na que participen de xeito activo tanto os países desenvolvidos como os países en desenvolvemento.
A erradicación da pobreza esixe vontade política e social, así como a coordinación entre os diferentes actores. Nunha situación económica como a actual, na que a pobreza e o deterioro das condiciones de vida de moitas persoas incrementase día tras día, o éxito na consecución dos nosos obxectivos depende nunha gran medida na complementariedade das accións.
Neste traballo conxunto, as ONGD e outras entidades sociais desempeñan un papel esencial e complementario á resposta das administracións publicas, aproveitando adecuadamente as súas potencialidades e o seu valor engadido.
O lema do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza de 2013, que tamén facemos noso é: «Traballar xuntos por un mundo sen discriminación: aproveitar a experiencia e os coñecementos das persoas que viven na pobreza extrema».