Noticias de Cooperación Gallega
17/10/2013
Xeral

O Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibe á xunta directiva da Coordinadora Galega de ONGD.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantiveron un encontro coa xunta directiva da Coordinadora Galega de ONGD no que lles anunciaron que nos orzamentos para 2014 o Goberno galego manterá os fondos deste ano destinados a cooperación para o desenvolvemento, é dicir, máis de 4 millóns de euros.

Rueda e a presidenta da Coordinadora, Gema Filgueira, lembraron que ambas institucións colaboran activamente na elaboración do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, cuxo proxecto está previsto que se presente en decembro ao Congacode e ao Consello da Xunta, para a súa aprobación e posterior envío ao Parlamento galego. De aí a importancia de coñecer os orzamentos para o ano que vén, o primeiro do período que abarcará o III Plan Director.

O vicepresidente destacou que máis dun 75 por cento do orzamento operativo de Cooperación Exterior para 2013 se xestionou a través das ONGD, tanto en convocatorias públicas de subvencións a proxectos como pola sinatura de convenios de colaboración entre o Goberno galego e estas entidades.

No 2014, destinarase máis dun 70 por cento do orzamento operativo de gastos ás convocatorias públicas de axudas para proxectos de ONGD e outros axentes de cooperación. Polo tanto, o mantemento dos fondos permitirá manter viva a política pública de cooperación e iniciar o período de execución do III Plan cun orzamento co que se poderán realizar actuacións en todos os eidos e a través dos diferentes instrumentos de financiamento.

Deste xeito, poderanse publicar todas a convocatorias públicas de axudas; tanto para proxectos no exterior, como para microproxectos, actividades de Educación para o Desenvolvemento, fortalecemento de ONGD, acción humanitaria e bolsas de formación de expertos. Así mesmo, poderanse asinar varios convenios de colaboración cos distintos axentes de cooperación; concretamente, tense previsto asinar un convenio coa propia Coordinadora Galega de ONGD, cunha dotación orzamentaria de 90.000 euros.